Nova: A sexta edición de No bico un cantar reúne 350 participantes de toda Galicia en Betanzos

01/06/2018

A sexta edición de No bico un cantar reúne 350 participantes de toda Galicia en Betanzos

Anxo Lorenzo saúda os 350 participantes de No bico un cantar como a semente do noso futuro musical

Alumnado de estudos musicais toda Galicia cantaron alalás en Betanzos, nun concerto promovido pola Consellería de Cultura e Educación e polo Consello da Cultura Galega, co apoio do Concello

Betanzos, 1 de xuño de 2018.- A igrexa de San Fernando de Betanzos acolleu esta tarde o concerto da sexta edición de No bico un cantar, un programa educativo e cultural promovido pola Consellería de Cultura e Educación e polo Consello da Cultura Galega que congregou nesta ocasión 350 alumnos e alumnas de toda Galicia, procedentes dos conservatorios de música profesional e de centros de música das catro provincias.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, dirixiuse aos mozos e mozas que compoñen este excepcional coro temporal para recoñecer o seu traballo: “Queremos aplaudir o voso esforzo e a vosa paixón. Vós sodes, sen dúbida, a semente do noso futuro musical e cultural, preparados, e capaces de interpretar e gozar da música con solvencia e en plenitude”. “Hoxe –engadiu– a igrexa de San Francisco, unha das máis representativas da arquitectura gótica galega, prestará a súa acústica e a súa beleza para enxalzar un dos nosos cantos máis populares: o alalá”.

Antes do comezo do concerto interviñeron, ademais do secretario xeral de Cultura, o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e o alcalde de Betanzos, Ramón García Vázquez. O acto estivo conducido pola escritora Rosa Aneiros.

O repertorio musical

No bico un cantar rendeulle homenaxe nesta ocasión a un dos cantos máis populares da tradición galega, o alalá. Así,o repertorio estivo composto por tres alalás ben coñecidos, o Alalá das Mariñas, o Alalá de Muxía e o Alalá de Camariñas, aos que se sumou, como é habitual no programa deste concerto, unha estrea. Nesta ocasión, o Consello da Cultura Galega encargoulle a letra a Manuel Rivas, que compuxo Alalá á vella maneira, musicado pola compositora Teresa Bretal. O concerto rematou co Maio longo, de Rosalía de Castro, con música de José Baldomir, xa unha tradición neste programa desde a súa creación no ano 2013.

O recoñecido pianista e director Maximino Zumalave repetiu como responsable artístico deste proxecto e tamén o fixo o grupo de metais Hércules Brass, un quinteto de diferentes instrumentos (trompeta, trompa, trombón e tuba), mentres que a escritora Rosa Aneiros exerceu como mantedora do acto.

O concerto, que tivo lugar ás 18:00 horas na igrexa de San Francisco de Betanzos, foi o peche para unha xornada na que as rapazas e rapaces tiveron ocasión de compartir xantar e ensaios, así como de coñecer un pouco máis Betanzos, antiga capital provincial do Reino de Galicia.

Comparte