Nova: Alguén que RESPIRA! conmemorará o Día Mundial da Poesía

14/03/2018

Alguén que RESPIRA! conmemorará o Día Mundial da Poesía

Conta co apoio da Consellería de Cultura

O Teatro Principal de Santiago acollerá do 21 ao 24 de marzo este I Festival de Poesía para o Corpo Principal, baixo a dirección artística de Antón Lopo

Valentín García participou este mediodía na rolda de prensa de presentación deste encontro no que se darán cita, entroutras, María Xosé Queizán, Olga Novo, Salvador García Bodaño, Lupe Gómez, Luísa Castro, Estíbaliz Espinosa, Andrew McMillan, Olvido García Valdés e o Niño de Elche

Os convites poderanse retirar desde mañá, de balde, no despacho de billetes do teatro compostelán

 

  • O I Festival de Poesía para o Corpo Principal Alguén que RESPIRA! conmemorará o Día Mundial da Poesía O I Festival de Poesía para o Corpo Principal Alguén que RESPIRA! conmemorará o Día Mundial da Poesía

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2018.- O I Festival de Poesía para o Corpo Principal Alguén que RESPIRA! conmemorará o Día Mundial da Poesía, do 21 ao 24 de marzo, organizado polo Concello de Santiago e mais pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Así o deron a coñecer hoxe ao mediodía en rolda de prensa o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, acompañados polo poeta e director artístico do festival, Antón Lopo.

Serán catro as xornadas dun intenso programa que reunirá a algunhas das voces máis singulares e importantes da poesía galega e internacional, desde María Xosé Queizán a Olvido García Valdés, pasando por Andrew McMillan, Raquel Lima, Estíbaliz Espinosa, Olga Novo ou Niño de Elche, creador revolucionario do cante flamenco que traerá á capital galega o seu impactante espectáculo poético, exhibido só de forma esporádica.

Os convites poderán retirarse desde mañá, xoves, de balde, no despacho de billetes do teatro compostelán de martes a sábado en horario de 18:00 a 21:00 horas.

No Teatro Principal do 21 ao 24 de marzo

O festival abrirase o propio 21 de marzo, Día Mundial da Poesía, coa lectura dun manifesto da autoría de María Xosé Queizán; e prolongarase ata o sábado 24 con recitais, conferencias, diálogos e proxeccións no Teatro Principal. O mesmo 21, ao mediodía, unha salva de foguetes marcará o inicio do programa, centrado na oralidade como base do impulso poético e nos procesos de creación lírica nos territorios en conflito bélico, con especial atención ás persoas refuxiadas. Andrew McMillan, Olga Novo, Olvido García Valdés, Salvador García Bodaño, María Sevilla e María Xosé Queizán tomarán a palabra no primeiro dos recitais.

A segunda xornada desenvolverase na tarde do 22 cun café-diálogo a cargo de Andrew McMillan, Olvido García Valdés, Isaac Xubín e Ana Romaní. A seguir, o recital Catro graos de abertura que, presentado por Silvia Penas, inclúe dous enfrontamentos de regueifa [Alba María con Queco Díaz e Lupe Blanco con Suso de Xornes] e mais un torneo de slam, da man dos mellores slamers de Galicia e Portugal: Duke Sam, Nuria Vil, Oriana Méndez, Carlos da Aira, Esther Carrodeguas, Raquel Lima e Vítor Hugo Moreira. Como peche de xornada, o recital Poesía no fío ofrecerá a proposta nos lindeiros poéticos que formularán, conxuntamente por encargo do festival, Clara Gayo, Carlos Santiago e Zé Paredes.

O cartel do venres 23 abranguerá desde a poesía performática á videopoesía e proporá co recital Atravesei a verxa un percorrido por insólitos espazos do Teatro Principal a través das voces de Isaac Xubín, Luísa Castro, Xabier Xil Xardón e Javier Peñafiel. Non só permitirá adentrarse en liñas de recitación personalísimas senón descubrir tamén ámbitos do teatro con acceso restrinxido, coma o faiado, as terrazas ou os camerinos. A continuación, unha sesión centrada na Escrita en conflito, que reunirá o testemuño directo de Miguel-Anxo Murado sobre a literatura nos espazos de conflito bélico e o recital do refuxiado sirio Mohamad Frars Alshaheen e o saharauí Bahia Mahmud Awah, presentado por Iván Prado, responsable da organización Pallasos en Rebeldía. A xornada pecharase coa proxección de varios videopoemas de Miriam Reyes, Estela Pan, Cintaadhesiva e Celia Parra.

O sábado 24 clausúrase o festival un recital nocturno, presentado por Ana Romaní, que contará coa participación de Estíbaliz Espinosa, Ana Vallés con Nuria Sotelo e Lupe Gómez, ademais de Niño de Elche.

Un libro excepcional para un festival único

Con motivo da celebración do festival, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Concellería de Acción Cultural editaron un libro que inclúe o programa completo do ciclo e as achegas poéticas de cada un dos participantes. O volume, deseñado por Manolo Martínez, presenta, xunto a un pequeno perfil biográfico, importantes novidades literarias, xa que nel aparecen os avances dos novos poemas de Olga Novo, as primeiras traducións ao galego de Andrew McMillan –realizadas por Isaac Xubín–, ou de Mohamad Firas, ademais de textos inéditos de Luísa Castro, Xil Xardón, Silvia Penas e Oriana Méndez, ou os primeiros poemas en galego de Miriam Reyes. Inclúese, así mesmo, o Manifesto que o festival lle encargou a María Xosé Queizán. Deste xeito, o propio programa de Alguén que RESPIRA! convértese en por si nunha publicación de indubidable valor literario que acrecenta a transcendencia dun festival sen precedentes en Galicia.

 

Comparte