Nova: Nexos 2018 analiza as contradicións da sociedade actual a través da crianza de fillos

27/01/2018
Nexos 2018 analiza as contradicións da sociedade actual a través da crianza de fillos
A coñecida filósofa e xestora cultural Carolina del Olmo, autora do libro ¿Dónde está mi tribu? afondou nas políticas e nas dificultades para a conciliación e os coidados no seo das familias
O primeiro relatorio desta sexta edición contou coa performance de Espazo Aberto e tamén coa corresponde sesión infantil paralela
A vindeira cita será o 24 de febreiro para abordar a explosión creativa na banda deseñada e na animación en Galicia, con Alberte Vázquez e Manuel Cráneo
Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2018.- O ciclo de cultura contemporánea Nexos inaugurou este sábado na Cidade da Cultura de Galicia a súa sexta edición, composta por cinco sesións ata o 16 de xuño, moderadas por Marcos Lorenzo. Esta sesión de partida tivo como protagonista a coñecida filósofa e xestora cultura Carolina del Olmo para analizar as contradicións da sociedade actual, a través da maternidade, a crianza e as políticas de conciliación existentes.
Este primeiro relatorio contou coa presenza do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que na súa intervención, antes de dar paso a Carolina del Olmo, puxo en valor a importancia de ciclos como Nexos, ao promover a análise profusa e o debate de temas de actualidade que interesan á cidadanía e fomentan novas e enriquecedoras perspectivas ás cuestións que se abordan.
Precisamente, a autora do coñecido libro ¿Dónde está mi tribu? Maternidad y crianza en una sociedad individualista, que vai xa pola súa novena edición, avoga por repensar o xeito dominante de crianza actual, na que advirte se está a adestrar os nenos e nenas para reducir o seu impacto na vida adulta; á vez que tamén se amosa crítica con aquelas políticas de conciliación que subordinan a vida reprodutiva á produtiva.
Tras o seu relatorio no Auditorio Xosé Neira Vilas da Biblioteca e Arquivo de Galicia —e que incluíu como é habitual no ciclo un debate aberto de intercambio de impresións cos asistentes— deuse paso a intervención artística coa que se conclúe cada sesión de Nexos. Para esta ocasión, contouse coa Escola de Teatro Espazo Aberto que ofreceu unha performance especial sobre o transcorrer do tempo na vida laboral e que contou coa actuación de Alicia Casas, Roi Fernández, Borja Limeres, Paula López, Yolanda Martínez e Alejandra Tomé.
Nexos Infantil
En paralelo a isto, celebrouse a sesión de Nexos Infantil correspondente, na que a través do xogo traballouse coa conciliación pero desde a óptica dos máis pequenos e pequenas. Deste xeito, divertíndose e aprendendo axudóuselles a comprender as dificultades dos seus pais e nais á hora de equilibrar traballo e os seus coidados.
O obxectivo de Nexos Infantil con estes obradoiros é que, á saída do ciclo, maiores e pequenos teñan reflexionado e aprendido sobre as mesmas temáticas, cada quen desde a súa perspectiva, para poder logo conversar de xeito interxeracional.
Banda deseñada e animación en Galicia
A seguinte sesión de Nexos será o 24 de febreiro e nela analizaranse as claves da explosión creativa na banda deseñada e animación en Galicia. Para iso contarase con dous grandes en ambos eidos: Alberto Vázquez, director de cine, ilustrador e debuxante de cómics e Manuel Cráneo, artista multidisciplinar director da editora e produtora cultural Demo e creador da marca multiplataforma Planeta Mincha.
Ademais, este relatorio verase complementado cun orixinal e divertido Combate de debuxantes. Inés Casarejos, Guille Debelius, Xulia Pisón e Dani Xove poñerán a proba a súa pericia ante os desafíos e trasnadas que lles proporá Xaime Lis, mestre de cerimonias.
As entradas, tamén para a sesión de Nexos Infantil correspondente, poñeranse á venda o vindeiro luns, día 29, tanto a través do Museo Centro Gaiás como en Ataquilla.com e cóntase con máis información polo miúdo en cidadedacultura.gal