Nova: Cultura convida a celebrar as principais datas arredor do libro e da lectura co calendario de 2018

28/12/2017
Cultura convida a celebrar as principais datas arredor do libro e da lectura co calendario de 2018
A Consellería difunde este material entre as librarías e as bibliotecas públicas galegas, ademais de poñelo ao dispor de toda a cidadanía en versión electrónica na web www.cultura.gal
O secretario xeral de Cultura fíxolles hoxe entrega do calendario ao vicepresi-dente da Federación de Librarías e ao director da Biblioteca Ánxel Casal
Os días da Poesía, do Teatro, da Ilustración e da Biblioteca, o 50º aniversario da publicación d’A galiña azul ou os 70 anos do discurso de Castelao de “Alba de gloria” en Buenos Aires son algunhas das celebracións que se inclúen no cartel, deseñado pola ilustradora Nuria Díaz
Santiago de Compostela, 28 decembro de 2017.- A Consellería de Cultura e Educación convida a cidadanía a celebrar as principais datas arredor do libro e da lectura co calendario de 2018, que se está a distribuír entre todos os centros da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia e dos establecementos adheridos á Federación de Librarías de Galicia.
O vicepresidente da Federación, Antón Pedreira, recibiu hoxe un exemplar do cartel de mans do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que visitou esta mañá a Libraría Pedrei-ra, en Santiago de Compostela. Anxo Lorenzo tamén lle fixo entrega do calendario a Jesús Torres, director da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, centro que en 2018 celebra unha década da súa posta en marcha.
O décimo aniversario da biblioteca compostelá, o 28 de marzo, é unha das datas que se in-clúen no Calendario do Libro e da Lectura 2018. Os días do Usuario/a das Bibliotecas, da Ilustración, da Lingua Materna, do Libro Infantil e Xuvenil, das Letras Galegas, das Librarías, dos Arquivos ou da Edición son outras das datas sinaladas, que comparten protagonismo en 2018 con aniversarios de obras e de autores senlleiros das nosas letras.
Aniversarios de obras e autores
Así, en 2018 celébranse o medio século da publicación de A galiña azul, de Carlos Casares, na véspera de Noiteboa; os 130 anos do nacemento de Otero Pedrayo, o día 5 de marzo; as sete décadas do célebre discurso “Alba de gloria”, pronunciado por Castelao o 25 de xullo de 1948 en Buenos Aires; ou os 90 anos do poemario de Manuel Antonio De catro a catro, que viu a luz o 27 de marzo de 1928.
Coa publicación e distribución do Calendario do Libro e da Lectura, que tamén está accesi-ble en liña na web de Cultura, en https://www.cultura.gal/gl/destaque-dinamizacion/39810, a Xunta de Galicia ten como obxectivos facilitar a planificación anual das actividades culturais e animar o conxunto da cidadanía a participar na celebración das principais efemérides e datas sinaladas arredor do libro para a súa difusión e posta en valor, así como tamén fomentar a lectura entre o público infantil, xuvenil e adulto, e favorecer o mercado editorial.