Dinamización: CALENDARIO DO LIBRO E DA LECTURA

CALENDARIO DO LIBRO E DA LECTURA

Celebra as principais datas de 2022!

O Calendario do Libro e da Lectura de Galicia incorpora este ano 2022 seis novas conmemoracións, ampliando a unha trintena o número de efemérides incluídas. O obxectivo da Xunta de Galicia é impulsar a realización de actividades arredor das principais datas vencelladas a este ámbito e facilitar a planificación anual das actividades culturais.

Ler máis

No mes de xaneiro conmemórase o día 11 o Día do Usuario e o 30, o Día da Ilustración coincidindo co aniversario do nacemento de Castelao.

No mes de febreiro é a quenda do Día da Lingua Materna (21 de febreiro) e do aniversario de Rosalía de Castro, que, tras a recente investigación sobre a data de nacemento da autora, pasa ao 23 de febreiro.

No mes de marzo comparten protagonismo o Día da Narración Oral, o 20, o Día da Poesía, o 21, e o Día do Teatro, o 27. No mes de abril, ademais do Día das Artes Galegas, os días 2 e 23 conmemóranse o Día do Libro Infantil e Xuvenil e o Día do Libro, respectivamente. Así mesmo, o día 26 celébrase o Día da Propiedade Intelectual.

Maio, ademais das Letras Galegas, é o mes no que se celebra o Día da Banda Deseñada (o 1), o Día da Liberdade de Prensa (o 3), o Día dos Museos (o 18) e o da Diversidade Cultural (o 21). O día 9 de xuño recórdase a importancia dos arquivos.

Ademais do centenario de Luz Pozo Garza, en xullo ten lugar o Día da Comprensión Lectora (o 26) . Xa en setembro celébrase o 8 o Día da Alfabetización, o 26, o Día Europeo das Linguas, o 28, o Día do Dereito de Acceso Universal á Información e o 30, o Día da Tradución. O 15 de outubro é o Día das Escritoras e o 24, tanto o Día das Bibliotecas como a Semana da Alfabetización Mediática e Informacional.

Novembro está, pola súa banda, cargado de actividades coa celebración do Mes da Ciencia en Galego nas bibliotecas, o Día do Lector, o 3, coincidindo co aniversario do nacemento de Xosé Neira Vilas, e o Día das Librarías, o 11. O mes complétase co centenario de María Casares, o 21. Pecha este calendario o Día da Edición co que se conmemora o nacemento de Ánxel Casal, o 17 de decembro.

Documentos relacionados

Comparte