Nova: Un novo ciclo recupera a obra dos directores de culto lusos António Reis e Margarida Cordeiro

14/11/2017

Un novo ciclo recupera a obra dos directores de culto lusos António Reis e Margarida Cordeiro

Son coñecidos polo seu retrato da rexión de Trás-os-Montes nunha serie de películas que, dende a ficción, mudaron a forma de ver o cine etnográfico

O ciclo é posible grazas á colaboración co Festival de Cine Europeo de Sevilla, a través do cal tamén se poderá ver dende mañá unha selección dos mellores traballos do cine experimental británico nos anos sesenta e setenta

A Coruña, 14 de novembro de 2017.- O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) programa dous importantes ciclos froito da colaboración co Festival de Cine Europeo de Sevilla, o que suporá a proxección esta semana de películas do cinema experimental londiniense, así como da obra dos lusos António Reis e Margarida Cordeiro a partir do 28 de novembro.

O primeiro destes ciclos, que se desenvolverá mañá mércores e o xoves co título Shoot Shoot Shoot, está dedicado ao cine que se facía en Londres nos anos sesenta e setenta, ofrecendo unha escolma do máis destacado de varios autores desta xeración de cineastas.

Pero tamén grazas á cooperación co certame hispalense, o CGAI amosa a obra dos autores portugueses de culto António Reis e Margarida Cordeiro, coñecidos polo filme Trás-os-Montes (1976), un retrato sobre esta rexión de Portugal, recentemente restaurado pola Cinemateca Portuguesa, que tamén colabora na realización do ciclo.

Para facer a película, os directores conviviron durante anos cos seus protagonistas, todos actores non profesionais, co obxectivo de transmitir a maior autenticidade. A fita funciona coma puro cine etnográfico, captando o folclore e tradicións da zona, así como as súas xentes. Pero tamén transcende esta condición ao querer realizar un retrato máis universal sobre os ciclos da vida, levando á ficción historias reais que escoitaron nesta longa convivencia.

Esta película supón unha das cimas do cine portugués e está considerada como a súa obra mestra. Adiantada á época, a súa influencia faise notar aínda hoxe en moitos traballos de non ficción da actualidade. É o caso da obra de Pedro Costa, que foi discípulo de Reis, bebendo moito del na súa ópera prima O sangue (1989).

Os mellores mestres e discípulos

O ciclo sairá da propia traxectoria de Reis e Cordeiro para ofrecer, ademais de practicamente a totalidade da súa obra, dous filmes máis que dialogan coa mesma. Un deles é o de Costa e, o outro, Acto de primavera (1963), estimado por moitos estudosos o filme inaugural da modernidade en Portugal e un dos máis destacables do recoñecido mestre Manoel de Oliveira. A súa presenza nesta compilación xustifícase pola localización en Trás-os-Montes, onde o cineasta filma a representación da Paixón de Cristo. Nesta viaxe acompáñao un mozo asistente de realización, de nome António Reis.

Polo tanto, o ciclo non só mostra o percorrido de António Reis e Margarida Cordeiro, senón que ofrece unha pequena visita aos seus referentes e ensina tamén a importancia da súa fonda pegada no cine actual.

Comparte