Nova: Novas propostas musicais e gastronómicas para celebrar a estadía do Pergamiño Vindel en Galicia

03/11/2017

Novas propostas musicais e gastronómicas para celebrar a estadía do Pergamiño Vindel en Galicia

Mañá sábado 4 celébrase, no Museo do Mar de Galicia, o primeiro dos obradoiros do ciclo Pergamiño Vindel e a música no tempo de Martín Códax que busca dar a coñecer os instrumentos musicais do medievo a través de charlas-concerto

Concursos de tapas en distintos concellos da ría de Vigo e un obradoiro de escritura para os máis pequenos en Redondela son actividades que darán comezo nas vindeiras semanas

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentou hoxe en Redondela estas accións destinadas a difundir a relevancia deste monumento da literatura galega e universal

  • Pergamiño Vindel Pergamiño Vindel
  • Anxo Lorenzo na rolda de prensa desta mañá Anxo Lorenzo na rolda de prensa desta mañá
  • Anxo Lorenzo na rolda de prensa desta mañá Anxo Lorenzo na rolda de prensa desta mañá

Redondela (Pontevedra), 3 de novembro de 2017.- A Consellería de Cultura e Educación está a poñer en marcha unha serie de actividades relacionadas coa presenza en Galicia do Pergamiño Vindel, para facilitar o coñecemento deste manuscrito, en resposta ao grande interese que esperta entre a cidadanía a exposición Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas. O secretario xeral de Cultura presentou esta mañá o programa de actos, acompañado da concelleira de Cultura de Redondela, Teresa París.

Redondela, onde se atopa a illa de San Simón, considerada berce fundacional da poesía galega, foi o lugar escollido para presentar tres das novas actividades que van ter lugar nas vindeiras semanas. Trátase de dous obradoiros, un dirixido a escolares e outro a adultos, máis un concurso de tapas que acollerán varios concellos da ría de Vigo. Todas son, segundo afirmou Anxo Lorenzo, “un bo expoñente de como facer que tan importante acontecemento sexa de interese para o conxunto da poboación”.

A música no tempo de Martín Códax

As actividades dan comezo mañá sábado, no Museo do Mar de Vigo, cun obradoiro dirixido a todos os públicos, nun innovador formato de charla-concerto. O grupo Pres de Cambrai interpretará mostras da música dos séculos XII e XIII con réplicas de instrumentos medievais, realizadas por diferentes obradoiros de artesáns, nun obradoiro que leva o título de Pergamiño Vindel e a música no tempo de Martín Códax. Aínda é posible inscribirse para participar.

Esta actividade celebrarase os sábados de novembro, sendo a segunda cita en Redondela, na illa de San Simón. O barco sae do porto de Cesantes ás 17.00 h. e haberá unha ruta guiada pola illa antes do obradoiro, que comeza ás 18.30 h.

O sábado 18, a cita é na Casa da Navegación de Baiona, ás 18.00 h. e o sábado 25 será a sala de Exposicións do Auditorio de Cangas a que acolla esta actividade, ás 19.00 h. O obradoiro é de balde, pero é preciso inscribirse. Máis información aquí

As cociñas do Pergamiño Vindel

Baixo o título As cociñas do Pergamiño Vindel, a Secretaría Xeral de Cultura convoca varios concursos de tapas en diferentes localidades da ría de Vigo. A particularidade do certame é que todos os petiscos teñen que estar elaborados con ingredientes que se puideran atopar nas cociñas galegas no medievo.

Así, do 1 ao 10 de decembro serán os establecementos hostaleiros de Redondela e Baiona os que acepten o reto. Os clientes deses locais serán os encargados de xulgar a súa calidade e orixinalidade, ademais dun xurado de expertos que degustará cada unha das tapas a concurso.

Entre o 2 e o 11 de febreiro serán Vigo e Cangas as que acollan o certame, que terá despois unha final provincial para escoller os mellores petiscos de As cociñas do Pergamiño Vindel.

Scriptorium

Os martes e venres, desde o vindeiro día 14 deste mes e ata o venres 15 de decembro, os estudantes do concello de Redondela poderán participar nun obradoiro que lles vai permitir coñecer e recrear o lento e laborioso proceso de escribir e iluminar un pergamiño.

O obradoiro Sriptorium, que se acompaña dunha pequena exposición explicativa, terá lugar no espazo 5 do Multiusos de Redondela, en dúas quedas diarias.

O Pergamiño Vindel en Galicia

Estas actividades son algunhas das múltiples iniciativas que a Xunta está a despregar en toda a comunidade, vencelladas á mostra Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas, que se iniciaron o pasado sábado 28 de outubro, coas travesías Ondas do Mar de Vigo e que tiveron continuación onte mesmo, coa convocatoria do certame de videocantigas Vindevídeos entre a comunidade escolar.

A exposición, promovida pola Consellería de Cultura e Educación e pola Universidade de Vigo, baixo o comisariado de Francisco Singul, exhibe por primeira vez ante o público galego o manuscrito que contén as sete cantigas de amigo de Martín Códax, seis delas coa notación musical. O Pergamiño Vindel, xoia da lírica medieval galego-portuguesa, comparte espazo con máis de 50 pezas históricas que explican a sociedade, a estrutura de poderes e a vida cotiá da época das cantigas, así como con obras contemporáneas nacidas baixo a inspiración deste mundo poético e do propio mar de Vigo.

Comparte