Nova: Vigo vístese de poesía e de arte co Festival Internacional Kerouac

17/10/2017

Vigo vístese de poesía e de arte co Festival Internacional Kerouac

A sétima edición do encontro celébrase do 16 ao 22 de outubro en diferentes espazos da cidade, coa colaboración da Consellería de Cultura

Un Poemóbil, visitas dos poetas a institutos, concertos no MARCO, recitais en bares, poesía nun barco cruzando a ría, un muro con poemas enfornados en azulexo e un vermú con música e poesía son as principais propostas do festival

Vigo, 16 de outubro de 2017.- Traer a Vigo poetas e artistas de todo o mundo e facilitar o intercambio cos autores e autoras protagonistas da escena local é un dos obxectivos do Festival Internacional Kerouac, unha iniciativa dirixida por Vanesa Álvarez e Marcos de la Fuente que esta semana celebra a súa sétima edición, coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Ata o vindeiro día 22 de outubro, a cidade da oliveira acollerá unha ampla programación de accións poéticas e diferentes eventos relacionados coa arte e coa cultura, que foi presentada esta mañá en rolda de prensa. No acto, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, fixo fincapé no interese do festival para dar a coñecer as propostas artísticas que se están a desenvolver en Galicia actualmente arredor da poesía, así como para favorecer o diálogo da escena viguesa e galega coas propostas de artistas internacionais que cada ano participan neste encontro.

 

Propostas para a nova edición

O Poemóbil (un vehículo no que os poetas recitan desde un altofalante), visitas dos poetas aos institutos, concertos no museo MARCO, recitais no bar La fiesta de los Maniquíes, poesía no ferry cruzando a ría, inauguración do muro dos poetas na rúa Londres, un flashmob nocturno na rúa Príncipe ou un vermú con música e poesía o domingo en Progreso 41 son as principais propostas do festival na súa sétima edición.

Ademais, este ano a Editorial Galaxia recompilou nun libro os poemas de 65 autores que foron pasando polo festival nas seis edicións. Latexo Beat é o título desta publicación que dá conta traxectoria do Kerouac e que será presentado o día 18 en El Corte Inglés.

Fomentar o uso da poesía e achegarlle a creación literaria ao público a través de novidosos formatos son algúns dos obxectivos do festival, que desde 2016 se desenvolve en dúas sedes: Vigo e Nova York, nos meses de outubro e abril respectivamente, tendendo pontes entre as escenas poéticas das dúas cidades e levando poetas dun lado a outro do Atlántico.

 

Artistas galegos e internacionais

Precisamente desde Nova York chegan este ano The Haiku Guys, Lisa Markusson e Parker Voss. Avalados polo Bowery Poetry, os autores traen a Vigo a súa visión dinámica e festiva da poesía escrita e oral. Desde a súa veciña Canadá vén Sheri-D Wilson, veterana poeta e performer e unha recoñecida activista da palabra no seu país. No campo da performance tamén se move Marina Oroza, filla do poeta Carlos Oroza. Ela será unha das protagonistas do festival, coa presentación da súa peza Fascinum e a proxección da curta Glicerina.

Francisco Fernández Naval, Cynthia Menéndez, Lupita Hard, Meraquia, Alberto Bernedo, Miguel Ángel Alonso, Ruth Oliveira, Jack Varmen, Xan Solo, Compostela, Helen Bertels, Lover of Love, Mr. Vudú, Iria Bragado, André de Oliveira, Teatro do Pau, Wordnoise, Pólvora, Kedro e Jesús Quereizaeta son os representantes da escena galega. Unha mostra variada e ecléctica das distintas formas que pode adoptar a poesía en terras galegas.

 

Con barqueira e remador, no Kerouac

Ademais, este ano, poetas de todo o mundo que escriben e recitan en portugués daranse cita nun dos espazos que este ano estrea o festival: o Instituto Camões. Da man da poeta Yolanda Castaño e desde a illa de San Simón, o seu Obradoiro Internacional de Tradución Poética Con barqueira e remador, promovido pola Secretaría Xeral de Cultura, únese ao Festival Kerouac co portugués coma lingua de encontro.

A editora galega Lingua Nativa e o seu director Malvares de Moscoso colaboran este ano co Kerouac traendo a dous artistas lusófonos relacionados co spoken word e a palabra falada sobre música: desde Lisboa vén Lágrima e, desde Santiago de Compostela, o novo compositor Melide. Mónica Caldeiro, poeta e ensaísta beat desde Barcelona, Celia B Soul co seu rap poético desde Madrid, Alicia Es Martínez cunha proposta de performance e música co seu alter ego Kólera e o músico Ferdi Jaque xunto co colectivo asturiano Fame Poétika son outras das figuras que acoden á chamada deste encontro da poesía beat.

 

Accións e barco e en coche

Por terceiro ano consecutivo o Kerouac realiza a acción poética sobre o mar Poetry on Board, que leva poetas de ambas as beiras do Atlántico a recitar sobre un barco. En Nova York no ferry que une Manhattan e Brooklyn, en Vigo cruzando a ría ata Moaña. Outra acción única do Kerouac é o Poemóbil; un coche con altofalantes desde o que os e as poetas van recitando os seus versos durante toda a semana do festival polas rúas de Vigo.

Logo da frutífera experiencia do ano pasado, o Kerouac fixou como unha das accións ir aos institutos para falar da poesía que se fai agora e levala in situ con recitais dinámicos e exemplos prácticos da poesía do noso tempo. Ademais, os poemas escritos tamén chegarán aos escaparates de barberías, librerías, tendas de agasallos, espazos de tatuaxes, galerías de arte etc., para trazar unha ruta poética por espazos cotiáns de toda a cidade.

 

O muro dos poetas

Finalmente, as artes plásticas tamén serán protagonistas do festival. A poetógrafa viguesa Sherni Kaur expoñerá os seus poemas visuais no espazo La Fiesta de los Maniquíes e tamén dela nace a idea do muro dos poetas, un espazo que visitar durante todo o ano, un muro con 70 poemas enfornados sobre azulexo que se inaugurará na rúa Londres o venres 20 de outubro. 

Comparte