Nova: O CGAC presenta con Bañistas unha exposición fotográfica pioneira

02/06/2017
O CGAC presenta con Bañistas unha exposición fotográfica pioneira
É a primeira mostra dedicada á ‘fotografía atopada’ nun centro de arte contemporánea de referencia en España
Reúne preto de 100 imaxes anónimas de mozos en contacto coa natureza que recrean a tradicional iconografía dos bañistas
O profesor da Uvigo e comisario da mostra, Xosé Manuel Buxán, e o director do CGAC, Santiago Olmo, conversarán arredor do proxecto hoxe ás 19:00 horas
Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2017.- O CGAC abre hoxe as portas da primeira mostra dedicada á ‘fotografía atopada’ nun centro de arte contemporánea de referencia en España. Bañistas. Fotografías atopadas, 1880-1963 é o título da nova proposta expositiva do Centro Galego de Arte Contemporánea, que foi presentada esta mañá en rolda de prensa polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; polo director do CGAC, Santiago Olmo; e polo comisario da mostra, Xosé Manuel Buxán Bran, profesor da Facultade de Belas Artes de Pontevedra.
“O feito de nos atopar perante unha mostra precursora no noso contexto artístico supón a apertura de novos camiños na andaina do CGAC, ademais de constituír unha excelente noticia para a cultura galega e para o seu posicionamento no panorama estatal e internacional”, afirmou Anxo Lorenzo.
Segundo explicou, “malia contar cunha traxectoria internacional ampla, a fotografía atopada ten aínda unha escasa difusión en España, polo que coidamos que iniciativas coma esta han contribuír ao achegamento dos públicos a este material artístico”.
Fotografía atopada
A found photography, ou fotografía atopada, é ese conxunto disperso de fotografías familiares e antigas que se atopan á venda en mercados, feiras de antigüidades ou en plataformas en liña. Ese material fotográfico democrático e anónimo, que vén xerando un crecente interese entre creadores contemporáneos, coleccionistas, institucións artísticas e editoriais dedicadas á fotografía, pasa a converterse nun artefacto cultural, nunha produción artística que xa centrou o interese de centros internacionais de referencia como o Van Gogh Museum de Ámsterdam, o San Francisco Museum of Modern Art, The Art Institute de Chicago ou o J. Paul Getty Museum, dos Ánxeles.
As posibilidades eróticas da masculinidade
A través dun total de 95 imaxes, Buxán ofrece neste ensaio visual un percorrido pola iconografía dos bañistas no que explora as posibilidades eróticas da masculinidade, cunha nova mirada artística e estética que dota de singularidade este novo proxecto expositivo do CGAC. Trátase de fotografías anónimas que amosan mozos seminús e en contacto coa natureza. Homes sos ou acompañados dun amigo que aparecen no exterior e que recrean a tradicional iconografía dos bañistas.
Desde o século XIX, o pensamento burgués desprazou cara ao corpo sexuado da muller todos os contidos eróticos e despoxou o home da carnalidade para que exercese en exclusiva o coñecemento e a acción. De aí que neste proxecto se reivindiquen as posibilidades da masculinidade como contedor do erótico e o sexual.
A exposición está situada no Espazo de Proxectos do CGAC e poderá verse ata o mes de outubro.
Conversa co comisario
Xosé M. Buxán Bran, profesor titular da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, desenvolve nesta exposición os papeis de coleccionista, creador, comisario, investigador, académico e exhumador dun material disperso e a piques de desaparecer, como son as fotografías atopadas, as cales, malia seren de uso común, deveñen extraordinarias polo sentido e significado co que as dota este autor/compilador.
Esta tarde, ás 19:00 horas, terá lugar unha conversa entre o director do CGAC, Santiago Olmo, e o autor Xosé M. Buxán, na que ambos afondarán no interese deste novo proxecto expositivo que ten como protagonista a fotografía atopada.
Próximas exposicións
Anxo Lorenzo recordou que Bañistas vén acompañada este mesmo mes doutros dous novos proxectos expositivos na programación do CGAC: por unha banda, a mostra Lugares: continxencias de uso, comisariada por Susana González, que se inaugura o 22 de xuño; e, por outra, Luis Gordillo. Confesión xeral, unha retrospectiva sobre o pintor que abrirá as súas portas o día 30 baixo o comisariado de Juan Antonio Álvarez e Santiago Olmo.
“Estas propostas danlle forma a unha programación artística que aposta pola excelencia e que establece diálogos frutíferos entre os nosos creadores e creadoras co traballo de autores nacionais e internacionais, así como con recoñecidas institucións de diversos puntos do Estado”, afirmou o secretario xeral. “Apostamos, polo tanto –engadiu–, por unhas dinámicas que cremos que enriquecen en gran medida a oferta expositiva do CGAC e que contribúen a reforzar o seu papel de centro de referencia da arte contemporánea”.