Nova: O Museo do Mar completa a súa exposición permanente cun novo espazo dedicado aos naufraxios e á historia dos faros

08/12/2015

O Museo do Mar completa a súa exposición permanente cun novo espazo dedicado aos naufraxios e á historia dos faros

Sete paneis e 40 pezas ganduxan un discurso expositivo co que coñecer máis profundamente a historia marítima de Galicia

Vigo, 8 de decembro de 2015.- O Museo do Mar de Galicia, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, vén de ampliar e completar a súa exposición permanente cun novo espazo dedicado a dous ámbitos esenciais do mundo marítimo: os naufraxios e o salvamento, e a historia dos faros na nosa terra. Os sete paneis expositivos deseñados ad hoc complétanse cunha serie de 40 pezas orixinais que permiten facerse unha idea clara destes aspectos claves para comprender a historia marítima de Galicia.

As ‘Brumas de traxedia’
O litoral galego, cos seus 1.500 quilómetros de costa e unha climatoloxía adversa, foi ao longo da historia testemuña de numerosos naufraxios. Na mostra poderase coñecer de primeira man información precisa sobre afundimentos famosos como o da frota de Padilla, no 1596 en Finisterre; os propiciados pola batalla de Rande, na ría de Vigo en 1702; o do Serpent, fronte a Camariñas (1887); o do Great Liverpool, en 1846 en Cee; ou o do Santa Isabel, en Sálvora (1921).

As primeiras sociedades de salvamento de náufragos non xorden en Europa a ata mediados do século XIX. En España crease a Sociedade Española de Salvamento de Náufragos en 1880, que en 1972 pasa a formar parte da Cruz Vermella do Mar. Con ese nome chega a 1989, momento no que se integra no servizo público de salvamento no mar. Na mostra explícase así mesmo cal é a orixe e funcións da Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima (SASEMAR) e do Servizo de Gardacostas de Galicia, a ferramenta propia coa que conta a nosa comunidade autónoma.

Os faros, da antigüidade até o XIX
Cómpre dicir que ata o século XIX a única lanterna acesa nas costas galegas foi a Torre de Hércules. Con todo na costa galega, desde a Alta Idade Media, xorden unha serie de fachos situados en torres defensivas, igrexas e promontorios que avisaban de diversas circunstancias como incursións e saqueos, ademais de servir de guía á navegación. No século XVIII a organización e control destes fachos pasa a mans da mariña, pero para a creación dunha infraestrutura permanente coa función de guía á navegación haberá que esperar ao século XIX, concretamente ao Plan de Iluminación Marítima do ano 1847.

Como se ten dito, a mediados do século XIX o único faro existente en Galicia seguía sendo a Torre de Hércules, pero nese momento a expansión do comercio marítimo internacional provocará que as grandes potencias europeas e as grandes compañías navieiras traten de asegurar as súas rutas co balizamento das costas. Neste sentido, debe lembrarse que Galicia era unha zona crucial deste tránsito, con protagonismo especial do cabo de Fisterra. Entre 1850 e 1855, ponse en marcha o ‘Plan General para el alumbrado marítimo de las costas españolas’ (1847), que establecía cinco categorías de faros que, no caso galego, establecíase do seguinte modo: os de Fisterra e Ortegal eran de primeira categoría; o de Cíes, de segunda; o de Ribadeo, Cabo Prior e Corrubedo, de terceira; e os de Prioriño, Sisargas, Cabo Vilán, Cee, Ons, Sálvorora, Arousa e A Guía, de cuarta e quinta.

A segunda onda de edificacións de faros na nosa terra lévase a cabo entre 1858 e 1865, da man do ‘Plan General de balizamiento de las costas y puertos de España e islas adyacentes’, onde se atendía especialmente ao balizamento dos portos principais de Ferrol, A Coruña e Vigo, aos que se lle axuntaron luces locais en San Cibrao, Coelleira, Cedeira, Louro, Castelo da Palma, San Antón, Illa da Rúa, Boiro, Cabo Silleiro e A Guarda.

Da Restauración aos nosos días
Cara a finais do século XIX, na etapa da Restauración, complétase a iluminación da costa galega coa edificación de Cabo Vilán (1896) e Touriñán (1898). O principal cambio neste momento será a aparición de novas lámpadas que substitúen ao aceite pola parafina e, sobre todo, a alimentación eléctrica. En 1902 e 1904 aprobáronse novos plans de sinalización mariña o que supuxo a modernización das luminarias preexistentes coa substitución das antigas ópticas.

A partir de 1967 complétase a automatización dos faros o que leva a unha tipoloxía de faro exenta. Segundo ese modelo construíronse na década dos oitenta os faros de San Cibrao, Roncadoira, Ortegal e Touriñán, moitos dos cales presentan nos seus fustes un código de franxas pintadas para a súa sinalización diúrna. O último plan de sinais é do ano 1985 e promove o acondicionamento e automatización dos faros existentes e a construción dalgúns novos. Estes faros, como o de Punta Nariga ou Punta Frouxeira serán proxectados por arquitectos como César Portela, Enrique Martínez Terceiro ou Mariano Navas e primarán conceptos de vangardismo arquitectónico.

Comparte