Nova: A Xunta e a Residencia Literaria 1863 convocan unha nova estadía de tradución para autores estranxeiros
10/11/2025
A Xunta e a Residencia Literaria 1863 convocan unha nova estadía de tradución para autores estranxeiros
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude busca con esta iniciativa contribuír á proxección exterior ao facilitar a tradución de obras en galego a outros idiomas
As persoas interesadas en presentarse a VI edición de Residencia Xacobea poderán enviar as súas candidaturas ata o 7 de decembro
Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2025
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Residencia Literaria 1863 da Coruña acaban de convocar a VI Residencia Xacobeo para persoas tradutoras de literatura galega, co obxectivo de estimular e promocionar a tradución de obras literarias en galego, así como impulsar as letras galegas no exterior.
Esta sexta convocatoria é unha nova oportunidade para que un tradutor ou tradutora literaria que proxecte verter unha obra orixinalmente escrita en galego a calquera lingua do mundo poida facelo nunhas condicións de excelencia e mergullando na cultura que as viu xermolar. Deste xeito, as persoas interesadas en presentar os seus proxectos deben facelo antes das 22 horas do 7 de decembro, que será cando se pecha o prazo da convocatoria.
O tradutor ou tradutora seleccionado terá a súa disposición durante todo o mes de marzo de 2026 un aloxamento na Residencia Literaria 1863. Trátase dun apartamento do século XIX en pleno casco histórico, con vistas á dársena e todas as comodidades, o que favorece a concentración no traballo.
Deste xeito, vivirá a mesma experiencia para o seu proceso creativo da que gozou na anterior edición o asturiano Inaciu Galán, con quen precisamente a residencia abriuse por vez primeira a un escritor da península e que traballou nun proxecto de tradución ao asturiano. Antes del tiveron a oportunidade de participar neste proxecto o letón Arvis Viguls e os estadounidenses Jacob Rogers, Kathleen March e Lindsay Semel.
Estadía na Coruña
Ademais, o gañador ou gañadora terá cuberto o billete aéreo desde o seu país e unhas dietas para gastos básicos, así como acceso prioritario a museos, bibliotecas, concertos, encontros literarios, obras de teatro e outros eventos nunha cidade que conta cunha rica e diversa vida cultural. O tradutor, se o desexa, terá a oportunidade de ofrecer un encontro público de mostra do seu traballo en Galicia.
Poderá concorrer á convocatoria Residencia Xacobeo calquera persoa tradutora, maior de 18 anos, de obras de literatura en galego, en calquera xénero literario e para calquera lingua do mundo. As persoas aspirantes só poderán presentar un único proxecto de tradución literaria e poden ter acceso a máis información sobre os detalles da convocatoria no portal cultura.gal
Esta colaboración entre Xunta de Galicia e Residencia Literaria 1863 pretende incentivar así o delicado e minucioso labor da tradución literaria, o intercambio internacional e o traslado de obras da literatura galega para outros idiomas e sistemas literarios, facéndoo desde o mesmo contexto cultural onde foran creadas.
Reforzo da proxección exterior das letras galegas
A Residencia Xacobeo é unha das primeiras residencias anuais que lanza a Xunta de Galicia, que se complementará cunha convocatoria para que poetas galegos poidan viaxar a Irlanda ao Centro Tyrone Guthrie de Annaghmakerrig.
Con este programa de intercambio literario e con outras propostas que se promoverán ao longo do vindeiro ano, a Consellería de Cultura reforza a proxección exterior das letras galegas e a promoción da nosa cultura e dos nosos creadores.
