Nova: As novas escavacións no Castro de Viladonga sacan á luz a primeira moeda romana da 'caetra' localizada no xacemento

04/09/2025
As novas escavacións no Castro de Viladonga sacan á luz a primeira moeda romana da 'caetra' localizada no xacemento
O achado reforza a teoría da relación que tivo este xacemento castrexo coa cidade romana de Lucus Augusti xa dende unha época moi temperá, segundo os expertos
A actuación deste ano contou cun investimento de preto de 18.000 euros e permitiu consolidar unha das estruturas residenciais castrexas situadas na croa
A intervención desenvolveuse paralelamente a un campo de voluntariado arqueolóxico que contou con 23 mozos e mozas participantes
Castro de Rei (Lugo), 4 de setembro de 2025
A nova actuación arqueolóxica impulsada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude no Castro de Viladonga (Castro de Rei) tivo entre os resultados máis destacados a exhumación da primeira moeda romana da caetra localizada no xacemento.
O delegado territorial, Javier Arias, visitou hoxe este espazo no que está a piques de rematar a intervención deste ano, que contou cun investimento de preto de 18.000 euros e serviu para consolidar unha das estruturas residenciais castrexas situadas na croa. A actuación comezou o 18 de agosto e finaliza mañá. O domingo 14 de setembro ás 12,00 horas haberá unha visita guiada polo equipo arqueolóxico para explicar a actuación. É gratuíta e non require inscrición.
Os expertos subliñan que o achado da moeda reforza a teoría da relación que tivo este xacemento castrexo coa cidade romana de Lucus Augusti xa dende unha época moi temperá.
Atopouse durante os traballos de escavación, que permitiron documentar a existencia, baixo o pavimento da vivenda, dunha fosa escavada na rocha que, á falta do estudo pormenorizado dos materiais, todo indica que pode tratarse dunha fosa de cremación. O material recuperado na mesma – fragmentos óseos, restos de carbóns, eslavóns dunha codeína de bronce, varios fragmentos cerámicos atribuíbles á II Idade do Ferro, unha fusaiola, unha doa de pasta vítrea e unha moeda – e a súa sinalización superior cunha composición case circular de seixos e pequenas lousas contribúen a manter esa explicación.
A limpeza da moeda, localizada no bordo interior da fosa, permitiu catalogala coma un as de época romana da serie de cuñaxes denominados da caetra. En particular, trátase dun tipo caracterizado por presentar no anverso unha imaxe estilizada do emperador Augusto e no reverso a caetra, o característico escudo da poboación indíxena do noroeste peninsular. Os estudos máis recentes sitúan a cuñaxe deste tipo concreto na antiga Lucus Augusti, en concreto no campamento militar previo á creación da propia cidade romana.
Traballos de consolidación
En canto aos traballos de consolidación e restauración da vivenda castrexa, permitiron fortalecer as súas estruturas e protexelas de forma efectiva contra as inclemencias do tempo. As actuacións realizadas facilitan a lectura e interpretación do espazo, contribuíndo á monumentalidade do castro e outorgando unha sensación de amplitude e limpeza na zona de acceso á croa.
Ademais, recuperáronse outros materiais, entre eles un centro de fragmentos cerámicos -a maioría corpos de olas asinables á II Idade de Ferro-, dúas escouras de ferro, outra posible estela con cazoleta e varios elementos líticos, entre eles un canto rodado de forma fálica. Tamén se recolleron numerosos fragmentos óseos moi pequenos e carbóns, susceptibles de futuros análises.
Igualmente, o feito de escavar ata o nivel xeolóxico e o levantamento da lareira permitiron documentar o proceso construtivo dese elemento do fogar típico das estruturas castrexas, así como o zócalo de entrada da vivenda. A lareira foi reconstruída a partir das múltiples pedras que a conformaban.
Campo de voluntariado
Estas actuacións coincidiron en boa parte co campo de voluntariado arqueolóxico que acolle o Castro de Viladonga dende o 26 de agosto e que finaliza mañá. A actividade está promovida pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e coordinada na súa parte técnica polo equipo que levou a cabo a campaña. Os participantes son 23 mozos e mozas, a maioría descendentes de emigrantes galegos, que tiveron a oportunidade de mellorar os seus coñecementos en materia de conservación, protección e divulgación do patrimonio arqueolóxico.
Ademais, os voluntarios e voluntarias levaron a cabo traballos de eliminación dunha herba invasora denominada Conyza canadensis, que afecta á integridade das construcións do xacemento. A intervención foi exitosa, xa a especie quedou totalmente erradicada das estruturas da croa.