Nova: A Xunta remite ao Ministerio de Cultura o plan de necesidades actualizado da biblioteca de Vigo

22/07/2025

A Xunta remite ao Ministerio de Cultura o plan de necesidades actualizado da biblioteca de Vigo

O envío do informe responde ao compromiso da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude coa adaptación ao momento actual da proposta feita en 2020

No documento vólvese incidir na necesidade de contar cun edificio duns 8.000m2 para atender á densidade de poboación da cidade

Ademais, avógase pola diversidade de usos con espazos polivalentes e versátiles, facendo fincapé nas áreas infantís

Este novo paso chega tras o anuncio por parte do Goberno central do inicio en 2026 da licitación da redacción do proxecto dun equipamento que será xestionado polo Executivo autonómico e para o que o Concello ten que ceder o terreo

Vigo, 22 de xullo de 2025

A Xunta de Galicia remitiu xa ao Ministerio de Cultura, tal e como se comprometera, a actualización do plan de necesidades da futura Biblioteca Pública do Estado de Vigo, adaptando ao momento actual o informe enviado no 2020. No documento, o Goberno galego volve facer fincapé nas dimensións do edificio, incidindo nos 8.000 m2 que xa propuxo entón e que finalmente foi aceptado polo Executivo central, desbotando a primeira opción acordada co Concello vigués, que contemplaba un inmoble da metade dese tamaño.

Así, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, volve dar un paso adiante con respecto a un proxecto estratéxico para a Comunidade e chamado a ser un dos seus grandes referentes culturais. Faino despois da visita do ministro de Cultura o pasado xoves á cidade olívica, onde anunciou o inicio, no ano 2026, da licitación da redacción do proxecto, pendente de que a Administración local complete os trámites para a cesión do terreo.

Tal e como se lembrou nese encontro, no que participou o responsable de Cultura da Xunta, José López Campos, será ao Goberno autonómico quen asuma a xestión da que será a maior biblioteca de todo o territorio, superando á de Ourense (7.000 m2), a de Santiago de Compostela (5.800 m2) e á da Coruña (6.200m2). Neste senso, desde o Executivo galego avógase por un inmoble con múltiples espazos polivalentes, atendendo á idea da diversidade de usos, máis alá das funcións propias dun equipamento deste tipo.

Deste xeito, no informe reflíctese a idea de darlle a maior versatilidade posible a unha infraestrutura desta envergadura, clave para a dinamización cultural da cidade coa programación de actividades para todos os públicos, facendo especial fincapé na área infantil e de xogos e, incluso, coa intención de que conte zonas, como unha terraza, para a levar a cabo accións ao aire libre. Distintos lugares de descanso, unha sala de exposicións, un salón de actos son outros dos puntos de referencia recollidos no documento da Xunta.

Ademais, na liña da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, na proposta faise fincapé na eliminación de todo tipo de barreiras arquitectónicas tanto as áreas de uso público como nas de persoal, así como na axeitada sinalización visual, sonora e táctil. Tamén se pon o foco no aforro enerxético e no aproveitamento das enerxías renovables e sostibles.

A Biblioteca Pública de Vigo

Vigo conta na actualidade con cinco bibliotecas, tres delas privadas e dúas de titularidade pública, a Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas e a xestionada pola Xunta de Galicia nun 85%, a Biblioteca Pública Juan Compañel.

Esta última está instalada nun edificio de 3.000 m2, recibe ao redor de 300.000 visitas anuais, cunha media de 1.000 visitantes diarios, e está preto de acadar os 222.000 préstamos anuais. Ademais, conta cun fondo de 220.000 volumes cunha previsión de que nun prazo de 5 a 6 anos suba nuns 6.000 ou 7.000 exemplares. É por iso, que á marxe dos espazos públicos, desde o Goberno galego centran a súa proposta nas necesidades do depósito, para o que se deben habilitar zonas tanto para o depósito legal de Vigo, como para a conservación da prensa e dos fondos patrimoniais, entre outros.

Comparte