Nova: A Xunta cataloga a antiga casa cuartel da Garda Civil de San Xurxo de Sacos

18/07/2025

A Xunta cataloga a antiga casa cuartel da Garda Civil de San Xurxo de Sacos

O Diario Oficial de Galicia publica a inclusión do inmoble, situado no concello de Cercedo-Cotobade, no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia 

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2025

A Xunta de Galicia acaba de publicar no Diario Oficial de Galicia a inclusión no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia da antiga casa cuartel da Garda Civil de San Xurxo de Sacos. A entrada no inventario deste inmoble, que se atopa no concello de Cerdedo-Cotobade, vén motivada polo seu notable valor cultural.

En virtude do establecido no artigo 35.5 da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, esta resolución insta ao concello de Cercedo-Cotobade a incorporar a casa cuartel ao catálogo da súa formulación urbanística xeral e establecer as determinacións específicas para a súa protección e conservación. 

No seu informe, os técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural destacan a autenticidade desta construción de mediados do século XIX pola súa singularidade, xa que se corresponde cunha primeira tipoloxía das casas cuarteis da Garda Civil destinada á función militar da institución e a uso residencial da vida doméstica das familias residentes. Tal e como se salienta na resolución, trátase dun conxunto de tres edificacións conectadas e complementadas con outras auxiliares que foron reformadas en varias ocasións, desde o ano 1857 ata o cese do seu uso en 1980.

Este tipo de edificación, ten un gran valor testemuñal como mostra dunha arquitectura  representativa e de control do Estado centralista decimonónico e como casa de veciños organizada militarmente na que convivían a institución á que representa e a vida doméstica das familias residentes. Neste senso, o valor cultural do inmoble expresase a través dos restos das construcións que se conservan, especialmente nos elementos de pedra elaborados con distintas técnicas tradicionais, que responden a edificacións concretas que se integran no contorno rural. Ademais, este inmoble enténdese como parte dun sistema territorial compartido co resto das casas cuartel que ocuparon a totalidade da xeografía do Estado durante os séculos XIX e XX.

A antiga casa cuartel de San Xurxo de Sacos está composta polos tres volumes ou edificios acaroados polo resto do inmoble vinculado a este uso, que abrangue os muros de peche e de contención de terras, a fonte e o lavadoiro. O límite sur coincide coa aliñación das edificacións, o límite oeste abrangue a parcela catastral á que dá o volume oeste, polo noreste axústase ao muro de peche onde se atopa o portón, polo norte toma como referencia un ribazo que se para os edificios ao resto da parcela e polo leste abrangue a fonte e o lavadoiro, tomando como límite a parcela lindeira.

Comparte