Nova: Anxo Lorenzo destaca a influencia das relacións entre Europa e Oriente no eido artístico e cultural

15/07/2025
Anxo Lorenzo destaca a influencia das relacións entre Europa e Oriente no eido artístico e cultural
O director xeral de Cultura inaugurou no Museo Etnolóxico a exposición ‘Made in China’ que “pon en valor as contribucións desta cultura en Galicia”
A proposta reúne máis de 20 pezas entre porcelanas, moedas ou carteis, entre outras
Forma parte das 43 mostras que a Xunta programa no marco da campaña ‘Para gustos, cultura’, que abrangue 3.400 accións ata setembro por toda Galicia
Ribadavia (Ourense), 15 de xullo de 2025
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe no Museo Etnolóxico de Ribadavia a exposición Made in China, unha mostra que “pretende poñer en valor as contribucións que a cultura chinesa fixo a Galicia, descubrindo unha relación máis estreita e produtiva do que parece e que resulta descoñecida ao gran público”, apuntou.
Deste xeito, o representante da Xunta destacou esta recompilación de 25 pezas que van desde porcelanas chinesas e de Sargadelos, abanos ou moedas ata carteis publicitarios, barallas, un facsímil do Libro das Marabillas e mesmo un mantón de Manila “que nos introducen nunha cultura que a priori estaría afastada da nosa”. Neste senso, resaltou, “estas pezas son símbolo desas interaccións entre Europa e Oriente ao longo da historia, que comezou nun principio a través das rutas de produtos comerciais e acabou tendo influencias artísticas e culturais”.
Durante o acto, Anxo M. Lorenzo, tamén fixo fincapé no papel dos distintos museos xestionados pola Xunta para ofrecer propostas culturais variadas e facilitar o acceso ao coñecemento da cidadanía, como é o caso desta mostra “que se enmarca nun amplo programa de actividades para o lecer neste verán con carácter cultural”. Referiuse así á campaña de verán Para gustos, cultura, que abrangue máis de 3.400 accións en todo o territorio de moi diversas tipoloxías, entre elas un total de 43 exposicións.
A cultura chinesa en Galicia
Con estas pezas, que proveñen do propio Museo Etnolóxico de Ribadavia, do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, da Fundación Vicente Risco e de coleccións particulares, abránguese a evolución das relacións entre Europa e Oriente que propiciaron o intercambio de produtos en recoñecidas rutas como a da seda ou a das especias. Estas relacións derivaron na chegada a Galicia doutros elementos como as porcelanas, que tiñan un carácter exótico, ou os abanos, pezas especialmente valoradas entre as clases altas.
Estes obxectos, aprezados polo seu luxo, comezaron a ser adaptados aos gustos europeos, marcando o inicio dunha reinterpretación cultural dos bens orientais da que Galicia non foi allea, tal e como sucedeu, por exemplo, cos panos e mantos tradicionais. O interese polo oriental continuou entrado o século XX tomando corpo entre os movementos intelectuais galegos, resaltando nesta tendencia a figura de Vicente Risco. Xa no século XXI a cultura chinesa segue moi presente, marcando unha grande actividade económica nos países europeos.