Nova: Arrinca a V Residencia literaria da Cidade da Cultura para impulsar dez proxectos inéditos de poesía, teatro e narrativa en galego

30/06/2025
Arrinca a V Residencia literaria da Cidade da Cultura para impulsar dez proxectos inéditos de poesía, teatro e narrativa en galego
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, subliña a diversidade das propostas seleccionadas e a apertura dun interesante diálogo entre xéneros nesta edición que dirixe a autora e xestora cultural Eva Mejuto
As escritoras Paula Carballeira e Inés Martín Rodrigo, e o poeta Ismael Ramos compartirán a súa experiencia coas persoas participantes
A residencia desenvólvese do 30 de xuño ao 12 de xullo e inclúe novas actividades como rutas literarias e encontros con profesionais do mundo editorial
Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2025
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, acompañado pola directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, deulle hoxe a benvida ás persoas participantes na V Residencia literaria da Cidade da Cultura. Desde hoxe, e ata o 12 de xullo, un total de dez escritoras e escritores emerxentes en lingua galega compartirán un espazo de traballo no Gaiás no que poñer en común inquedanzas e coñecementos para mellorar os seus proxectos inéditos de poesía, teatro, novela e contos.
Anxo M. Lorenzo salientou a diversidade das propostas seleccionadas nesta convocatoria dirixida pola escritora e xestora cultural Eva Mejuto, o cal permite “abrir un interesante diálogo entre xéneros que enriquecerá cada proposta desde unha pluralidade de olladas e prácticas da escrita”.
A esta multiplicidade de perspectivas súmase o acompañamento de escritoras e escritores como a dramaturga, escritora e narradora oral, Premio Nacional de Literatura Dramática en 2023, Paula Carballeira; a xornalista e escritora galardoada co Premio Nadal de novela en 2022, Inés Martín Rodrigo, e o poeta gañador do Premio de Poesía Joven Miguel Hernández nese mesmo ano, Ismael Ramos. Neste senso, o director xeral de Cultura convidou ás persoas residentes “a tirar o maior proveito dos saberes de quen xa percorreu unha parte importante do camiño e a tecer entre autoras e autores redes de apoio que contribúan ao seu crecemento persoal e profesional”.
Así mesmo, lembrou que desde a súa posta en marco, no ano 2021, xa participaron neste programa de apoio á creación literaria impulsado pola Xunta de Galicia no Gaiás, máis de medio cento de escritoras e escritores.
Actividades da Residencia literaria
Nesta quinta edición, Eva Mejuto deseñou un calendario de actividades para facilitar ás persoas participantes un coñecemento total do mundo do libro que complementa a análise e o diálogo ao redor dos proxectos literarios. Cuestións como os dereitos de autoría, os novos formatos e a intelixencia artificial, a edición, a distribución ou a promoción serán abordadas de maneira específica con profesionais do sector.
A axente Hilde Gersen, co-directora da axencia literaria Antonia Kerrigan que representa a máis de 150 autoras e autores en lingua española, catalá e galega, e Víctor Mascato, responsable de Triqueta, destacada editorial infantil galega e editor en Cumio editorial, participarán nestas actividades.
Haberá tamén encontros con libreiros e libreiras e con participantes noutros anos na Residencia literaria que teñen xa obra publicada, como Cynthia Menéndez, que vén de sacar a novela Son coma glaciares os barcos de aceiro, sobre a que traballou no Gaiás. Como novidade, inclúense roteiros literarios por Compostela e maridaxes lectoras nas que se combinarán a cata de viños e de libros.