Nova: A Asociación Morreu o Demo viaxa a Corea co apoio da Xunta para recoller un premio internacional polo seu labor de recuperación do títere tradicional galego

23/05/2025

A Asociación Morreu o Demo viaxa a Corea co apoio da Xunta para recoller un premio internacional polo seu labor de recuperación do títere tradicional galego

Entregaráselle o Certificado de Recoñecemento pola Conservación do Patrimonio Titiriteiro co que o organismo asociado á Unesco recoñece o traballo neste ámbito de entidades de todo o mundo

A tradición galega dos monicreques, co personaxe de Barriga Verde como referente, darase a coñecer no que é o principal encontro mundial especializado neste eido

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2025

A Asociación Cultural Morreu o Demo viaxará a semana que vén a Corea do Sur para participar no Congreso da Unión Internacional da Marioneta con motivo do premio que este organismo asociado á Unesco lle entregará en recoñecemento ao seu labor de recuperación do títere tradicional galego. A entidade anunciou hoxe as actividades que desenvolverá a representación galega neste encontro, o máis importante dos especializados neste ámbito a nivel mundial e no que participa co apoio económico da Xunta de Galicia.

O Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, acolleu esta presentación, na que o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, detallou a colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para dar a coñecer neste destacado evento internacional a arraigada tradición dos monicreques galegos, coa figura de Barriga Verde como referente.

Traxectoria desde 2013

Neste sentido, felicitou a asociación Morreu o Demo por este recoñecemento e agradeceulle o traballo que vén desenvolvendo desde 2013 a prol do patrimonio titiriteiro en Galicia e á fronte da organización, desde 2016, do festival Titiriberia de Rianxo, único da península centrado nas marionetas tradicionais.

O evento desenvolverase do 26 ao 30 de maio na cidade coreana de Chuncheon, ata onde viaxarán Comba Campoi, presidenta de Morreu o Demo, e Larraitz Urruzola, unha das profesionais da escena galega que aposta por este formato. Ambas interviñeron tamén na presentación de hoxe xunto a Anxo García, membro tanto da devandita asociación como da compañía Viravolta Títeres e un dos principais investigadores dos monicreques tradicionais no país.

A Unión Internacional da Marioneta outorgoulles o seu Certificado de Recoñecemento pola Conservación do Patrimonio Titiriteiro aos seis membros fundadores da Asociación Morreu o Demo, que quixeron facer extensivo este galardón ao medio cento de socias e socios que a conforman na actualidade e mais a todas as persoas que colaboran e apoian o proxecto. Con el, pasan a formar parte da listaxe das 37 iniciativas de todo o mundo galardoadas na convocatoria 2024-2025.

O comité destacou a súa “gran contribución ao coñecemento e apreciación da arte da marioneta a través da recuperación da marioneta tradicional galega Barriga Verde, popularizándoa e dándoa a coñecer". Este personaxe foi o monicreque máis popular do século XX en Galicia, cando da man da familia Silvent percorreu feiras e festas de todo o país entre os anos 10 e 60.

Comparte