Nova: López Campos presenta o primeiro programa galego de emprendemento en danza para impulsar o talento e a profesionalización do sector

07/05/2025
López Campos presenta o primeiro programa galego de emprendemento en danza para impulsar o talento e a profesionalización do sector
Desenvólvese a través dunha acción integral de capacitación e emprendemento empresarial na que están a participar unha vintena de artistas e do ciclo itinerante de conversas ‘Entre formas e palabras’
O obxectivo é contribuír á posta en marcha de novos proxectos artísticos de xeito profesional, ao tempo que busca unha maior proxección social e presenza da danza nas programacións culturais
Santiago de Compostela, 7 de maio de 2025
A Xunta de Galicia congregou hoxe na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, máis de 35 profesionais, compañías e entidades do sector da danza para a presentación do primeiro programa galego de emprendemento e formación neste ámbito, deseñado e organizado conxuntamente coa Fundación Paideia Galiza e a Fundación EOI (Escola de Organización Industrial) co obxectivo de impulsar o talento e a profesionalización.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, cualificou esta iniciativa de pioneira no ámbito da promoción e impulso da danza e das artes do movemento en canto aborda de xeito completo e integral a capacitación, o emprendemento e a detección de talento neste ámbito. O obxectivo é contribuír a consolidar e profesionalizar artistas e proxectos emerxentes, a través de dúas vías paralelas e complementarias: o programa de formación especializada Emprendemento para artistas da danza e as artes do movemento, que se desenvolve ata primeiros de xullo no Centro Coreográfico Galego e en Estudios Mans, na Coruña, e o ciclo de conversas Entre formas e palabras, que terá lugar en cinco localidades galegas de maio a outubro.
No acto, inicialmente previsto para celebrar o Día Internacional da Danza a semana pasada e que tivo que ser posposto por mor do apagamento, tamén interviñeron o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; o vicepresidente da Fundación Paideia Galiza, Guillermo Vergara; o director da área de desenvolvemento de pemes da Fundación EOI, Javier Benito, e a bailarina, coreógrafa e pedagoga cultural Paula Quintas, quen exercerá tamén de moderadora de Entre formas e palabras.
Actuación de SóLODOS
No apartado artístico, contouse coa actuación da compañía SóLODOS, de Maruxa Salas e Erick Jiménez, que interpretaron Mover cenizas, peza coproducida pola Xunta de Galicia a través do Centro Coreográfico Galego.
O titular de Cultura do Goberno galego agredeceulles ás fundacións Paideia e EOI a súa implicación neste programa, co que trasladan ao eido da danza a súa ampla experiencia na promoción do emprendemento musical a través de diferentes accións. É o caso, por exemplo, da aceleradora de proxectos musicais Sonemerxente, para a que a Xunta de Galicia contou con Paideia como colaboradora na súa xestión.
Desta volta, o programa integral para artistas emerxentes no ámbito coreográfico enmárcase nas medidas definidas polo Goberno autonómico no Plan Integral para a Danza de Galicia para, como explicou o conselleiro, establecer un espazo de diálogo e encontro que contribúa a lle dar forma e poñer en marcha novos proxectos artísticos de xeito profesional, ao tempo que busca unha maior proxección social e presenza da danza nas programacións culturais.
O Centro Coreográfico Galego e Estudios Mans acollen desde finais de marzo o primeiro dos eixos desta iniciativa, o programa de formación especializada Emprendemento para artistas da danza e as artes do movemento, destinado a definir o plan de viabilidade e desenvolver profesionalmente a vintena de proxectos seleccionados, facendo fincapé nas fases de xestión, produción, promoción, distribución, financiamento e mediación.
O obxectivo desta formación semipresencial, para a que se conta tamén co financiamento do Fondo Social Europeo Plus, é complementar o talento e impulsar novas ideas e propostas, abordando da man de destacados profesionais nacionais e internacionais aspectos que teñen que ver coa produción, mediación, plan económico, propiedade intelectual, márketing e comunicación, ademais dunha experiencia de cocreación.
Pola súa banda, o ciclo Entre formas e palabras articularase arredor de seis encontros que combinan relatorios con actuacións ao vivo, e que terán lugar entre maio e outubro en cinco localidades galegas para favorecer o intercambio, o debate e a reflexión arredor do papel dos profesionais da danza en Galicia e das novas tendencias no sector. Buscase, ao tempo, facer visible o seu labor como motores da industria cultural e promover as condicións necesarias para que os proxectos emerxentes teñan unha maior capacidade de profesionalización e de visibilidade, así como tecer redes e crear sinerxías con outros territorios.
Inscricións gratuítas
As novas linguaxes nas artes do movemento é o título da primeira das conversas, que terá lugar o vindeiro día 13 na sede coruñesa de Paideia Galiza e para a que se abre esta mesma tarde a inscrición gratuíta a través da web da devandita fundación. O “danzador” e coreógrafo Jesús Carmona e o bailarín e coreógrafo galego Daniel Rodríguez serán os relatores nesta cita, para a que se contará cun showcase a cargo de Julia Laport.
As seguintes sesións versarán sobre A arte de narrar e o movemento (26 de xuño, na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela), Tecendo redes (2 de agosto no Festival Danza no Claustro, en Xunqueira de Espadanedo), Danza sen fronteiras: un diálogo entre estilos (18 de setembro no edificio da Delegación Territorial da Xunta en Lugo), Da idea ao escenario: creación (3 de outubro no Festival 6coreógrafas, na Estrada) e A danza no ollar do cine (24 de outubro na Filmoteca de Galicia, na Coruña).