Nova: LÓPEZ CAMPOS ANUNCIA A CREACIÓN DUN SELO PARA IMPULSAR O USO DA LINGUA NO ÁMBITO SOCIOECONÓMICO

07/05/2025
LÓPEZ CAMPOS ANUNCIA A CREACIÓN DUN SELO PARA IMPULSAR O USO DA LINGUA NO ÁMBITO SOCIOECONÓMICO
- O representante da Xunta avanza que as empresas comprometidas co galego terán vantaxe na concesión de axudas e nos procedementos do Executivo autonómico
- “Desde o Goberno galego continuamos coa man tendida para acadar un gran pacto que permita impulsar e prestixiar a lingua desde a concordia e a liberdade”, reitera
- Celebra o bo momento que vive o sector cultural e anuncia a posta en marcha dun Plan de modernización das infraestruturas consensuado coas administracións locais
- O ‘Ano Castelao’ marca a programación da Consellería para este ano con actividades no exterior e propostas que inclúen desde películas, espectáculos de artes escénicas ou a experiencia inmersiva que se inaugurará en xuño na Cidade da Cultura
- No eido do audiovisual, salientou que a Xunta seguirá traballando para consolidar Galicia como un gran plató de rodaxes elevando as axudas ata case 7M€
- A xuventude xoga un papel fundamental nesta folla de ruta con medidas transversais e innovadoras que buscan favorecer a emancipación e o emprego
- No ámbito do patrimonio cultural unha das liñas estratéxicas será a candidatura da Ribeira Sacra que está xa na recta final e sendo avaliada polos consultores da Unesco
Santiago de Compostela, 6 de maio de 2025.- A Xunta de Galicia porá en marcha un selo de recoñecemento para impulsar o uso da lingua no ámbito socioeconómico. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, no Parlamento de Galicia, onde compareceu a petición propia no Pleno para informar sobre a folla de ruta do seu departamento nos vindeiros meses.
Neste senso, o responsable autonómico de Lingua explicou que as empresas comprometidas co galego terán vantaxe na concesión de axudas e nos procedementos do Executivo autonómico. Para iso, tal e como informou, impulsarase a creación dun selo que poderá terse en conta nas convocatorias e que, ademais, servirá como criterio de desempate. “Somos conscientes da necesidade de fomentar o uso da lingua galega en toda a sociedade e por iso apostamos por unha nova medida de acción inmediata que se suma as xa anunciadas como os cursos para estranxeiros ou para o persoal sanitario e que permita outorgarlle unha maior visibilidade e prestixio”, apuntou o conselleiro.
Nesta liña, López Campos, nas vésperas da celebración das Letras Galegas, volveu insistir na importancia de acadar un gran pacto de país que permita traballar “a prol do galego desde a concordia e a liberdade”. “Vivimos nun modelo de respecto e convivencia no que a lingua non é un problema, senón a chave que nos abre a porta cara unha Galicia mellor”, sinalou antes de lembrar a importancia de renovar o Plan xeral de normalización da lingua galega a través do “diálogo e coa participación de todos os grupos”. “A man do Goberno segue estando tendida en busca de pacto e de acordo, cun único obxectivo: un futuro prometedor para a lingua galega”, concluíu.
A lingua é un dos piares da folla de ruta debullada hoxe por José López Campos e que tamén inclúe entre os seus obxectivos a posta en marcha de políticas transversais e innovadoras para afianzar e modernizar o sector cultural, dar resposta ás necesidades da mocidade, reforzar o tecido das industrias culturais e avanzar na protección e posta en valor do patrimonio cultural.
Sector sólido e de calidade
Neste contexto, tal e como sinalou, continuarase apoiando aos profesionais da cultura para seguir avanzando na construción dun sector sólido e de calidade que siga a ser “un referente a nivel nacional”. “Vivimos hoxe un dos nosos mellores momentos, como así o demostran os últimos estudos publicados, e todos estes datos son posibles grazas á incansable dedicación de todas as persoas que traballan cada día pola cultura”, afirmou.
Para conseguilo, seguirase a liña dos obxectivos marcados na Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, aprobada na Cámara galega sen ningún voto en contra, para poñer en marcha o Plan de modernización das infraestruturas culturais en todo o territorio que permita modernizar os recursos e situar a Galicia na vangarda das equipamentos. “Trátase dun plan que deseñaremos coa colaboración das administracións locais e que iniciaremos cunha auditoría para coñecer o estado actual das mesmas”, anunciou.
Internacionalización da cultura
De xeito paralelo a esta modernización, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude continuará co seu apoio a sectores estratéxicos como o do libro e co impulso este ano dunha ambiciosa programación enmarcada na celebración do Ano Castelao. “Aproveitamos esta data especial para ensanchar as fronteiras da nosa cultura e estender as actividades ao exterior”, apuntou López Campos antes de engadir que isto complementarase con propostas en Galicia que irán desde as homenaxes e mostras ao lanzamento de audiovisuais e espectáculos de artes escénicas arredor da figura de Castelao.
“Unha das pezas centrais desta programación será a experiencia inmersiva que inauguraremos no Museo Gaiás no mes de xuño”, avanzou o conselleiro. Esta proposta permitirá, a través da intelixencia artificial, que cada visitante teña a oportunidade de interactuar con este ilustre persoeiro. Trátase dunha mostra que, tal e como explicou López Campos, encádrase na liña de traballo posta en marcha pola Cidade da Cultura no eido dixital e das tecnoloxías e que continuará este ano co remate das primeiras obras no Centro de Artes Dixitais de Galicia, un proxecto pioneiro que permitirá aproveitar as oportunidades creativas do Gaiás xunto coa ventá de posibilidades que as tecnoloxías dixitais están ofrecendo como motor de desenvolvemento cultural e económico.
Máis dun centenar de actividades para celebrar as Letras Galegas 2025
A celebración das Letras Galegas dedicado ás cantareiras será outro dos fitos da programación deste ano. Ademais dun grande acto nas Torres de Mens, parroquia dunhas das homenaxeadas, o vindeiro 17 de maio, impulsarase tamén un amplo abano de actividades con máis dun centenar de iniciativas para todos os públicos. “Inclúense propostas en bibliotecas, museos ou centros escolares nas que vai poder participar toda a sociedade”, sinalou o conselleiro.
No eido do audiovisual, a Xunta continuará traballando cun sector “que semella non tocar teito” e para consolidar a imaxe de Galicia como plató de rodaxes. “Os nosos profesionais seguen colleitando éxitos e así agardamos que ocorra tamén no Festival de Cannes que comeza a vindeira semana e na que as dúas películas de España seleccionadas contaron con financiamento autonómico”, afirmou o conselleiro.
Neste senso, anunciou que neste 2025 o importe convocado en axudas ao sector audiovisual chegará a unha cifra próxima aos 7 millóns de euros co obxectivo de “garantir que o futuro do noso sector será tan brillante como o seu presente”. Así mesmo, avanzou a reclamación ao Goberno central “dun reparto xusto do fondo para o fomento da produción e difusión das linguas cooficiais” co obxectivo de fomentar o cine en galego e evitar discriminacións fronte a outras linguas.
Apoio a outros sectores artísticos
No marco das industrias culturais, López Campos anunciou que se ampliará o apoio a outros sectores artísticos como a dos videoxogos. “Este ano resolvemos a primeira convocatoria dotada con fondos propios e imos continuar con este compromiso para poñer en valor todo o talento que emerxe dos centros educativos coa intención de que poida quedar e desenvolverse aquí, na nosa terra e na nosa lingua”, apuntou.
Así mesmo, realizarase unha aposta decidida por outros sectores como as artes escénicas ou a música con convocatorias para apoiar a creación de novos proxectos, o fomento da visibilidade de todas as disciplinas ou a elaboración, este mesmo ano, do primeiro Plan Estratéxico da Industria Musical en Galicia.
Por outro lado, unha das principais liñas de traballo no ámbito do coidado e posta en valor do patrimonio cultural será a candidatura da Ribeira Sacra, que será avaliada polo Comité Mundial da Unesco en 2026. “Estamos convencidos do valor deste territorio e por iso confiamos en que acade o merecido recoñecemento”, expuxo. Neste senso, informou que a candidatura da Ribeira Sacra, a única que presenta España, xa está na fase final ao estar sendo avaliada polos consultores.
Plan de actuacións arqueolóxicas
Outro fito importante na conservación do noso legado será a posta en marcha este verán dun novo Plan de actuacións arqueolóxicas no que neste ano 2025 investiremos preto de 1,5M€ para afondar no coñecemento e posta en valor do noso pasado máis sobranceiro. Trátase dunha achega pola que levaremos a cabo preto de 70 intervencións en xacementos arqueolóxicos de Galicia para contribuír á divulgación e recuperación da Comunidade.
Plan estratéxico da xuventude
A mocidade tamén xoga un papel fundamental nesta folla de ruta. Así, seguindo o Plan estratéxico da xuventude aprobado recentemente no Consello da Xunta, que materializa o compromiso coa mocidade galega e que mobilizará máis de 700 millóns de euros, levaranse a cabo medidas transversais con incidencia en distintas áreas do Goberno para favorecer aspectos como a emancipación e o emprego xuvenil.
“Unha das cousas que máis lles preocupa aos mozos e as súas familias é o acceso á vivenda”, afirmou López Campos. Tendo en conta isto, e despois de celebrar foros e reunións con diversos colectivos puxemos en marcha por primeira vez o Bono Emancípate, unha medida pioneira a nivel nacional, destinada exclusivamente aos mozos que queren dar o paso á vida adulta, mercando ou alugando unha vivenda. En total recibimos máis de 3.700 solicitudes, das cales case 2300 eran para mozos e mozas en réxime de alugueiro, mentres que as restantes correspóndense con persoas propietarias.
Esta medida súmase a outras impulsadas desde o Executivo galego con incidencia na emancipación xuvenil, como son os aloxamentos compartidos en alugueiro accesible que se construirán en diferentes cidades galegas ou a creación de 500 novas prazas en residencias xuvenís mediante a construción de catro novos centros públicos nas cidades onde non existen.
Outra das preocupacións é o acceso ao mundo laboral. “Para acompañalos nesta tarefa reforzaremos programas como o Xuventude Mentoring, que hoxe conta cunha porcentaxe de inserción laboral superior ao 60%, ou lanzaremos axudas como as destinadas á obtención do carné de conducir que convocaremos nos vindeiros meses.
11.630 prazas na oferta de verán
Ademais, co obxectivo de favorecer a conciliación e ofrecer unha alternativa de lecer saudable, a Consellería de Cultura Lingua e Xuventude ten xa aberto o prazo para que os mozos e mozas galegas poidan participar na campaña Modo verán activo que este ano ofrece 11.630 prazas en distintas modalidades como campamentos, minicampamentos ou campos de voluntariado. “Unha oferta que nos sitúa novamente á cabeza de España e que nos permite fomentar o desenvolvemento persoal e profesional da nosa mocidade”, apuntou.