Nova: López Campos anima á cidadanía a mercar libros e gozar ‘dun dos piares da nosa cultura’ na Feira do Libro de Santiago de Compostela

03/05/2025
López Campos anima á cidadanía a mercar libros e gozar ‘dun dos piares da nosa cultura’ na Feira do Libro de Santiago de Compostela
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude participa na inauguración desta cita enmarcada no circuíto impulsado pola Xunta e a Federación de Librarías de Galicia
Ata o 11 de maio, participan no parque da Alameda unha vintena de librarías e editoriais e inclúe unha programación composta por máis de 70 actividades
O representante do Goberno galego celebra que o 96,7 % dos galegos e galegas lea polo menos unha vez ao trimestre e que o número de persoas que mercan libros se sitúe por riba da media estatal
O apoio a esta iniciativa enmárcase na campaña ‘Quen ten un libro ten un tesouro’ para fomentar a lectura en todas as idades
Santiago de Compostela, 3 de maio de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou hoxe na inauguración da Feira do Libro de Santiago, a segunda parada do circuíto impulsado pola Xunta de Galicia e a Federación de Librarías de Galicia que este ano chegará a 13 cidades e vilas galegas ata finais do mes de agosto. Instalada no parque da Alameda ata o 11 de maio, a cita contará coa participación dunha vintena de librerías e editoriais e incluirá unha programación composta por máis de 70 actividades.
Durante a apertura, o representante do Goberno galego animou á cidadanía a “mercar libros” e “gozar da lectura, un dos piares da nosa cultura”. “Estas feiras son o mellor escaparate para un sector do libro que vive un gran momento e que é capaz de atraer cada vez a máis lectores”, afirmou o conselleiro antes de celebrar que 96,7 % dos galegos e galegas maiores de 14 anos le en calquera formato ou soporte, xa sexa impreso ou dixital, polo menos unha vez ao trimestre.
Neste senso, precisou que segundo o Informe sobre hábitos lectores e compra de libros en Galicia durante 2024, avaliado nas últimas semanas polo Consello da Xunta, o número de galegos e galegas que mercaron o pasado ano unha obra literaria está por riba da media estatal ao situarse preto do 65 %. Así mesmo, para o 70 % da poboación o espazo preferido para adquirir libros son os establecementos libreiros polo que “as feiras do libro son o mellor momento para agradecer todo o traballo dos profesionais e creadores e adquirir novidades, xa que, tal e como di a campaña institucional lanzada pola Xunta de Galicia con motivo do Día do Libro: quen ten un libro, ten un tesouro”, sinalou.
A Feira do Libro de Santiago de Compostela estará aberta en horario de 11,30 a 14,00 horas e de 17,30 a 21,00 horas cunha programación que se iniciou hoxe coa lectura do pregón a cargo de Lola Puerta, propietaria da Libraría Aenea. Entre as propostas que se levarán a cabo inclúense roteiros, presentacións, sinaturas, sesións de contacontos e de teatro infantil, obradoiros, encontros, conversas, espectáculos familiares ou concursos.
13 vilas e cidades de abril ata agosto
Santiago é a segunda das 13 citas co libro e a lectura que terán os galegos e galegas diferentes vilas e cidades das catro provincias. Tras iniciar o percorrido en Ferrol e tras o seu paso por Santiago, recollerá o relevo Lugo, onde a Feira do Libro permanecerá do 13 ao 17 de maio.
Tras isto, as paradas serán no Porriño, do 29 de maio ao 1 de xuño; Redondela, do 12 ao 15 de xuño, e Ourense, do 18 ao 21 de xuño. Xa no mes de xullo haberá Feira do Libro en Vigo, do 1 ao 7 de xullo; en Ponteareas, do 10 ao 13 de xullo, e en Rianxo, do 24 ao 27 de xullo. En agosto as feiras estarán tamén na Coruña, do 1 ao 10; Viveiro, do 12 ao 15; Foz, do 16 ao 19, e, finalmente, en Monforte de Lemos, do 20 ao 23.