Nova: Anxo Lorenzo destaca a programación diversa e de calidade do ciclo de concertos ‘Do Audible 25’

08/04/2025

Anxo Lorenzo destaca a programación diversa e de calidade do ciclo de concertos ‘Do Audible 25’

O director xeral de Cultura presenta a programación da oitava edición deste ciclo, que contará con dúas producións internacionais en colaboración coa Bienal de Zagreb e o Hong Kong New Music Ensemble

A programación incluirá actuacións no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, e claustro de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela, e unha representación privada para os internos do Centro Penitenciario de Teixeiro en Curtis.

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2025

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación da oitava edición do ciclo Do Audible 25, a cita que se celebrará a partir do 15 de abril co apoio da Xunta de Galicia e que inclúe a presentación de dúas obras, A arte do Gunzheng e in vain.

No acto, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou a diversidade dos lugares escollidos para a presentación das obras onde se inclúe o Centro Penitenciario de Teixeiro, en Curtis, o Museo do Mar de Galicia, en Vigo, ou o convento de San Domingos de Bonaval, en Santiago. Neste senso, o director xeral puxo en valor que o apoio a Do Audible 25 vai en consonancia cos obxectivos estratéxicos da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia garantindo o acceso á cultura a tódalas persoas, sen exclusión, invitando á reflexión, ao diálogo e ao entendemento mutuo.

A primeira obra, A arte do Gunzheng, que será interpretada o día 15 de abril na cidade olívica é unha cítara tradicional chinesa nun contexto de música nova na que se inclúen as últimas composicións de Sonja Mutić (Croacia/Serbia), Angus Lee (Hong Kong), Camilo Méndez (Colombia/Hong Kong) e Pilar Miralles (España/Finlandia). Esta poesía recitada é froito da cooperación ca Bienal de Zagreb e o Hong Kong New Music Ensemble, e conta ademais co ao apoio de Acción Cultural Española, a Embaixada de España na República de Croacia e o Servizo de Intercambio Académico de Alemaña.

Mentres que in vain, ópera do austríaco Georg Friedrich Haas, vincúlase ao final de Crime e Castigo e participan os Conservatorios Superiores de Galicia, a Universidade da Coruña e o Cárcere de Teixeiro, onde será interpretada de xeito privado para os internos o vindeiro 11 de maio previa interpretación pública o día anterior, 10 de maio, na capital compostelá.

A programación completa está dispoñible na web do ciclo onde se pode consultar en detalle tódalas actividades e horarios.

Comparte