Nova: A Xunta destaca o bo facer dos produtores da Denominación de Orixe Rías Baixas na XLIII edición da Exaltación do Viño da Ulla

06/04/2025
A Xunta destaca o bo facer dos produtores da Denominación de Orixe Rías Baixas na XLIII edición da Exaltación do Viño da Ulla
A conselleira do Medio Rural e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude participaron esta mañá no pregón deste evento, que se está a celebrar nesta fin de semana no concello coruñés de Vedra
María José Gómez subliñou na súa intervención a importancia que teñen este tipo de celebracións para potenciar o sector vitivinícola galego, un dos piares da economía da nosa comunidade
A subzona do Ulla posúe unha superficie de cultivo de preto de 400 hectáreas e que a súa produción supero as 2.500 toneladas no último ano, empregando a 103 viticultores e acollendo a 12 adegas activas
Vedra (A Coruña), 6 de abril de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participaron esta mañá no pregón da XLIII edición da Exaltación do Viño da Ulla, que se está a celebrar esta fin de semana no concello coruñés de Vedra, onde puxeron en valor o labor que realizan as adegas da subzona vitivinícola Ribeira do Ulla, pertencente á Denominación de Orixe (DO) Rías Baixas.
María José Gómez subliñou na súa intervención a importancia que teñen este tipo de celebracións para potenciar o sector vitivinícola galego, un dos piares da economía da nosa comunidade, un eido conformado por preto de 500 adegas e máis de 10.000 viticultores e cada ano aporta un valor económico de 230 millóns de euros. Nesta mesma liña, destacou que estes eventos se configuran como escaparates das producións agroalimentarias galegas, ao recoñecer o bo facer dos produtores e fomentar as canles curtas de comercialización e a compra de proximidade.
Por outra banda, destacou que a subzona do Ulla é a única contorna das cinco que conforman esta DO que comprende parte de territorio da provincia coruñesa. Seguindo esta liña, salientou que posúe unha superficie de cultivo de preto de 400 hectáreas e que a súa produción supero as 2.500 toneladas no último ano, empregando a 103 viticultores e acollendo a 12 adegas activas.
Gómez lembrou o compromiso posto en marcha polo Goberno autonómico a prol deste eido, traducido en ferramentas como a Estratexia de dinamización económica, territorial e turísticas das comarcas vitivinícolas, que ten como obxectivo consolidar o sector nos mercados nacional e internacional e potenciar tanto a imaxe de marca e identidade como o turismo vinculado aos territorios onde se producen.