Nova: A Xunta abre as inscricións para a II Residencia Literaria da Illa de San Simón, que duplica as súas prazas

04/04/2024

A Xunta abre as inscricións para a II Residencia Literaria da Illa de San Simón, que duplica as súas prazas

A Consellería de Cultura tamén incorpora máis posibilidades de estadías cunha duración máxima de 15 días, con quendas nos meses de maio, setembro e novembro

A finalidade é que os participantes dispoñan dunhas condicións idóneas para o proceso de creación literaria no marco do Plan Xeración Cultura

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2024

Un total de 24 creadores poderán participar na II Residencia Literaria da Illa de San Simón para o estímulo e a promoción da creación en galego a través do apoio aos seus procesos de traballo. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades vén de abrir as inscricións para incorporarse a esta iniciativa coa que se pon ao dispor dos participantes un espazo, un ambiente e unhas condicións óptimas para a enteira dedicación aos seus proxectos creativos.

Debido ao éxito da primeira edición, a Xunta de Galicia duplica o número de prazas ofertadas chegando a 24 e, ademais, tamén se ofrecen máis posibilidades temporais de estadía: do 20 de maio ao 2 de xuño, do 23 de setembro ao 6 de outubro e do 4 ao 18 de novembro.

Para poder desfrutar desta experiencia, os participantes deben ser maiores de idade e estar desenvolvendo un proxecto creativo en lingua galega, pois esta residencia está concibida para o desenvolvemento e mellora de proxectos de creación literaria durante o período de estadía dos creadores, que deberá ser como mínimo dunha semana e como máximo dunha quincena. Na Illa de San Simón, estes profesionais terán ao seu dispor os bens e servizos necesarios para o desenvolvemento do seu traballo, contando con aloxamento en cuarto individual e espazo de traballo propio, en réxime de pensión completa na Residencia Stella Maris.

Solicitudes ata o 24 de abril

Os interesados en participar poderán presentar as súas solicitudes ata o 24 de abril a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Tan só se poderá incluír unha única candidatura acompañada dun documento (máximo de 10 páxinas) que deberá incluír a explicación do proxecto de creación literaria que desenvolverá na residencia, xénero, idioma da obra, currículo do aspirante, expediente artístico e carta de motivación, entre outros detalles que se poden consultar nas bases.

Plan Xeración Cultura

Esta residencia forma parte das iniciativas do Plan Xeración Cultura, dentro do Plan de impulso ao libro galego, que ten como obxectivo facilitar a adaptación do sector á transformación dixital, adecuarse ás novas realidades de consumo e crear e fidelizar lectores.

As accións abarcan cinco áreas: o impulso á edición e distribución, a proxección exterior, a difusión, o apoio ás bibliotecas públicas e o apoio á creación. Nesta última área enmárcanse as residencias literarias. Máis alá desta estadía, a Xunta de Galicia conta tamén coa Residencia Xacobeo para tradutores, que este ano está desfrutando a norteamericana Lindsay Semel para traducir ao inglés a novela No ventre do silencio de Méndez Ferrín. Galicia tamén dispón da Residencia Literaria Cidade da Cultura que se desenvolverá na primeira quincena de xullo no Gaiás e na que participarán 10 persoas.

Con estes programas de intercambio literario e con outras propostas que se promoven ao longo do ano, a Consellería de Cultura traballa no reforzo das letras galegas no país e no exterior e na promoción da nosa cultura e dos nosos creadores.

Comparte