Nova: A Rede de Bibliotecas de Galicia pecha o ano 2022 con case 1,6 millóns de préstamos, un 23 % máis

11/01/2023

A Rede de Bibliotecas de Galicia pecha o ano 2022 con case 1,6 millóns de préstamos, un 23 % máis

Nos centros xestionados pola Xunta realizáronse 750.000 entregas, case 40.000 máis que no anterior exercicio

A esta cifra súmanse os préstamos feitos a través da plataforma electrónica GaliciaLe, que rexistrou 22.000 máis que en 2021

Hoxe celébrase o Día do usuario/a das bibliotecas, con visitas guiadas e o nomeamento de socios de honra entre os máis activos

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2023 A Rede de Bibliotecas de Galicia, formada por máis de 300 centros bibliotecarios públicos existentes no territorio galego,  pechou 2022 con case 1,6 millóns de préstamos, o que supón un incremento do 23 % en relación ao ano anterior. Esta cifra coñécese o mesmo día que as bibliotecas celebran o Día do usuario/a, unha efeméride recollida no Calendario do libro e da lectura de Galicia que a Xunta conmemora cunha ampla programación para achegar estes servizos á cidadanía, con visitas comentadas ás instalacións, obradoiros, contacontos e recoñecementos aos lectores máis activos nos últimos meses.

Nos centros xestionados pola Xunta de Galicia relizáronse preto de 750.000 préstamos, o que supón un incremento do 5,6 % en relación ao ano 2021. Así, segundo estes datos, en 2022 rexistráronse case 40.000 préstamos máis que no anterior exercicio nos centros Miguel González Garcés da Coruña, Lugo, Nós de Ourense, Antonio Odriozola de Pontevedra, Ánxel Casal de Santiago de Compostela e Juan Compañel de Vigo.

Á cifra de préstamos realizados de xeito presencial súmanse os case 135.000 feitos a través de GaliciaLe, a plataforma de préstamo de libros, revistas, audiolibros e películas en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas. Esta ferramenta, que ten por obxectivo facilitar o acceso de toda a cidadanía á cultura, consolida así o crecemento que está a vivir nos últimos anos ao incrementarse esta cifra en 22.000 préstamos en relación ao pasado ano e nun 60 % co período anterior á pandemia.

Títulos máis demandados

Os títulos galegos máis demandados en 2022 nas nosas bibliotecas foron Os Bolechas, de Pepe Carreiro, Leo con Bubela, de Colectivo Bubela, e O souto dos catro ventos, de María Oruña. Completan as primeiras posicións as obras Os nenos da varíola, de María Solar, autora galardoada co Premio Xerais o pasado ano,e A praia dos afogados do autor Domingo Villar falecido en maio.

En canto aos libros en castelán, os máis solicitados polos usuarios foron La bestia, coa que Carmen Mola gañou o Premio Planeta en 2021, La madre de Frankenstein, de Almudena Grandes, e Una historia ridícula, de Luis Landero, que obtivo o Premio Nacional de las Letras Españolas o pasado ano. Corazón tan blanco, do autor Javier Marías, falecido en setembro, e La señora March, de Virgina Feito, completan a listaxe dos títulos máis demandados.

Comparte