Evento: Argumentos políticos e económicos para o futuro: Esquerda ou dereita?
Argumentos políticos e económicos para o futuro: Esquerda ou dereita?
"Esquerda ou dereita?". A política, o goberno da polis, un asunto esencial para o ser humano na súa condición de cidadán/á e de votante. Como conciliar economía e política para conseguir o máis amplo e maior benestar social?
O profesor Bastos, quizá nesta altura o profesor máis popular da USC, é un home apaixonado pola lectura, a reflexión e o debate político. Desfruta dando aulas, provocando ao alunado cos seus paseos continuos, coa súa retranca e a polémica, para despertar nel o interese e o afán de coñecemento, e promover a súa reflexión. É un magnífico docente, capaz de transformar cada unha das súas aulas na Universidade nun espazo permanente de debate, conseguindo mesmo que se colen nelas persoas de fóra da institución universitaria.
Miguel Anxo Bastos recoñece que durante a súa etapa de estudante era de ideoloxía socialista. O seu pensamento político tivo unha evolución posterior despois da lectura das obras dos economistas austríacos Friedrich von Hayek e Ludwig von Mises, e da relación co profesor Xosé Vilas Nogueira, até chegar a se converter no presente nun destacado representante do chamado anarcocapitalismo.
O intelectual e profesor Miguel Anxo Bastos defínese tamén como galeguista, soberanista galego e reintegracionista.