Evento: Reimundo Patiño. O desacougo creador

Reimundo Patiño. O desacougo creador
venres, 28 xaneiro, 2022 a martes, 10 maio, 2022
Biblioteca de Galicia,
Santiago de Compostela

Reimundo Patiño. O desacougo creador

Exposición do artista coruñés

Reimundo Patiño, nado na Coruña en 1936, viviu unha infancia marcada pola posguerra e unha doenza ósea que o mativo encamado dos 5 aos 10 anos. As súas circunstancias nesta época deixaron posteriormente unha grande influencia  na súa obra. Unha obra na que tamén deixou pegada o feito de que a súa vida transcorrera entre dúas cidades, A Coruña e Madrid. Finou en 1985, pouco antes de cumprir os 50 anos.

En 1949 comeza o seus estudos na Escola de Comercio da cidade herculina e un traballo relacionado coa súa formación será o que o leve a vivir a Madrid en 1958. Aínda así, a formación de Reimundo Patiño en todos os ámbitos artísticos que cultivou foi basicamente autodidacta. Ademais de pintor, ilustrador e gravador, Patiño tamén foi poeta, crítico e teórico da arte, prologista, e unha persoa cun gran compromiso político e social.

Nos seus anos mozos na Coruña funda co seu amigo Xohán Casal a Liga Nórdica e a Unión de Artistas Ceibes. Xa en Madrid mostrouse moi activo a nivel de ideais políticos e mantívose sempre moi comprometido coa modernización da cultura de Galicia.

A finais dos sesenta impulsou o colectivo Estampa Popular Galega, que produciu obra gráfica cunha forte crítica sociopolítica.

Nos setenta foi un dos cofundadores do Taller Redor, a primeira galería de arte experimental española.  Alí estampou e expuxo o cómic mural O home que falaba vegliota (1972), obra fundacional da banda deseñada galega (une nunha mesma manifestación artística gravado e banda deseñada). En 1975 saíu á luz 2 viaxes, o primeiro ábum de cómic editado en galego, lanzado xunto con Xaquín Marín.

Nos oitenta foi convidado a participar en exposicións do grupo Atlántica, foco da renovación da plástica galega.

Reimundo Patiño desenvolveu unha linguaxe artística moi persoal: expresionista, informalista, surrealista. A arte pictórica de Patiño pode describirse baixo varios adxectivos. Na súa concepción dramática da pintura aparecen desde aspectos futuristas, a figuras que se moven entre o antropomórfico e o zoomórfico, ou elementos da tradición galega como a inconografía vencellada aos petróglifos. A obra artística de Patiño, incluída a ilustración, reflicte unha revolución permanente dun imaxinario moi persoal e cun colorido contrastado.

Máis eventos de tipo Exposición

Mandala (Arc en ciel)
18 de outubro a 7 de setembro
Rúa de Ramón del Valle-Inclán, 5
Do soño á apocalipse. Os vieiros da literatura fantástica en galego
31 de outubro a 18 de maio
Lugar de la Ciudad de la Cultura
Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo
27 de xaneiro a 31 de maio
Monte Gaiás, s/n