Evento: Do pracer e da morte
Do pracer e da morte
Nesta peza con tinturas oníricas e mesmo surrealistas por momentos entretécense as actrices e actores coas súas circunstancias, Boccaccio e a súa crónica da Peste Negra no Decamerón ou El Bosco e as súas delicias inclasificables.
Tres planos que se superpoñen por momentos e noutros se afastan para proxectar as súas propias luces sobre a necesidade de saciar as angueiras, os límites do que nos define como criaturas humanas e o temor á propia caducidade. Todo isto sen renunciar á música, á poesía e ao humor retranqueiro que define o ton do traballo d’A Feroz.
A obediencia, a autoridade, a curiosidade, a subalternidade, o medo á extinción, a urxencia do desexo, a incerteza e a praga... todos estes elementos compoñen un fresco dunha humanidade que quizais non mudou moito nos derradeiros sete séculos.
En definitiva: Do pracer e da morte é unha danza da morte medieval no aparcadoiro do Carrefour un sábado pola tarde.
Elenco:Gustavo Freire, Beatriz Romero, Inés Salvado Gontad e Diego Salgado.
Máis eventos do ciclo Rede galega de teatros e auditorios
