Evento: Coordenadas. Diálogos Literarios da Fundación Carlos Casares
Coordenadas. Diálogos Literarios da Fundación Carlos Casares
COORDENADAS é unha actividade literaria para Santiago de Compostela no ronsel dos Diálogos Literarios clásicos da Fundación Carlos Casares, que se desenvolveron desde 2004 a 2012 entre Mariñán (Bergondo) e Santiago de Compostela.
A súa adaptación ás novas circunstancias ten en conta tres eixes fundamentais: a evolución dos públicos, as tendencias do mercado editorial e o agromar de novas linguaxes. O seu campo de actuación é basicamente a literatura galega –en concreto a novela, o conto e mais o ensaio–, aínda que con extensións ás literaturas peninsulares e incluso ás literaturas europeas e americanas. Procúrase, xa que logo, tender pontes entre a literatura galega e a literatura mundial.
O evento poderá seguirse por streaming en directo, para quen non teña a posibilidade de asistir fisicamente. Ademais, unha vez remate o evento, os vídeos subiranse á canle de Youtube da Fundación Carlos Casares, e posteriormente se lle engadirán subtítulos.
COORDENADAS é posible en especial grazas ao Concello de Santiago de Compostela, co seu apoio ao proxecto dende o primeiro momento. Tamén da Xunta de Galicia e, por suposto, de Gaiás - Cidade da Cultura, que coa súa xenerosidade permitiu que o evento teña lugar nun marco tan acaído para a ocasión.