Evento: Cultivar incertezas. Reformular o espazo / conmocionar a mirada

Cultivar incertezas. Reformular o espazo / conmocionar a mirada
venres, 29 xaneiro, 2021 a domingo, 23 maio, 2021
Centro Galego de Arte Contemporánea,
Santiago de Compostela

Cultivar incertezas. Reformular o espazo / conmocionar a mirada

Exposición coincidindo co 30º aniversario da posta en marcha da Facultade de Belas Artes de Pontevedra.

Coincidindo co 30.º aniversario da posta en marcha da Facultade de Belas Artes de Pontevedra (1990-2020), o proxecto expositivo Cultivar incertezas. Reformular o espazo / conmocionar a mirada pretende amosar unha selección significativa de traballos plásticos realizados polo alumnado que pasou polas súas aulas ao longo do xa superado cuarto de século de actividade. Seleccionáronse trinta artistas que cobren o arco temporal das diferentes promocións, desde os licenciados nos primeiros anos de existencia da Facultade até os que aínda se atopan finalizando, agora mesmo, a súa etapa formativa. Cada artista estará representado na exposición por unha obra, ou conxunto de obras, de especial relevancia dentro da súa traxectoria; na súa gran maioría, optouse por obras adquiridas por museos, institucións e coleccións privadas —moitas delas pertencen á propia Colección CGAC— pechando así o círculo do imprescindible apoio social e institucional á produción artística.

O cinco lustros de diferenza consumados entre os artistas presentes na exposición, supoñen case o cómputo de tempo dun salto de xeración (aqueles mozos que ían facer 30 anos no 2000, farán 50 no 2020); de xeito que asistiremos tamén, mediante o despregamento deste conxunto de proxectos, a algo que se aproxima bastante a unha nova substitución xeracional, con todos os cambios de modelo que isto implica.

En paralelo á exposición, Natalia Poncela e Miguel Anxo Rodríguez coordinarán un intenso programa de actividades estruturado nun ciclo de mesas de debate, seminarios, conferencias e encontros con artistas. Ao mesmo tempo, o espazo Aula Aberta, acondicionado para ese fin nas salas do CGAC, e os espazos docentes da Facultade de Belas Artes acollerán diversas clases, seminarios e presentacións dos grupos de investigación da propia universidade.

Un dobre proxecto de edición completará este programa expositivo: o libro-catálogo da mostra coa correspondente documentación gráfica, e unha segunda publicación, cuxa función será documentar e rexistrar as achegas e propostas xurdidas dos debates, encontros e actividades.

Artistas: Erik Balbuena, Vicente Blanco, Teresa Búa, Mónica Cabo, Rosendo Cid, Salvador Cidrás, Marcos Covelo, Victoria Diehl, Manuel Eirís, Suso Fandiño, Almudena Fernández Fariña, David Fidalgo Omil, Basilisa Fiestras, Amaya González Reyes, Julia Huete, Marta Lorenzo, Rut Massó, Manuel Mata, Nano 4814, Álvaro Negro, Doa Ocampo, Kiko Pérez, Jorge Perianes, Mar Ramón, Rubén Ramos Balsa, Juan Rivas, Borja Santomé, Sandra Varela, Mar Vicente, Verónica Vicente.

Máis eventos de tipo Exposición

Boutique Amparo
27 de maio a 31 de maio
Praza do Toural 8
Granell cumpre 30 anos
27 de maio a 31 de maio
Praza do Toural, Pazo de Bendaña
Made in China
Made in China
15 de xullo a 30 de xuño
Museo Etnolóxico de Ribadavia
A Ferrolana fondeada na baía de Cádiz. 1849 Ramón L. Barreiro. Debuxo a lapis e tinta
A volta ao mundo da corveta A Ferrolana
17 de outubro a 31 de maio
Casa da Navegación de Baiona