Evento: Turismo e fotografía. Català-Roca en Galicia 1956-1976
Turismo e fotografía. Català-Roca en Galicia 1956-1976
Turismo e fotografía. Català-Roca en Galicia 1956-1976 recolle 166 imaxes, algunhas delas inéditas, escolmadas entre o milleiro de fotografías que Català-Roca tomou nas sucesivas viaxes que realizou a Galicia ao longo de 20 anos. Durante estas viaxes, o fotógrafo percorreu unha trintena de vilas repartidas por toda a xeografía galega.
Català-Roca viaxaba ao servizo de editoras que publicaban as guías turísticas sobre España que se poñían logo a disposición dos turistas. A exposición recupera as imaxes asociadas a sete campañas que realizou entre os anos 50 e 70 por encargo da entón Dirección General de Turismo. Entre as imaxes seleccionadas, poden atoparse capturas de Santiago de Compostela, A Coruña, Noia, Ribadavia, Vigo, Betanzos, Lugo, Bueu, Sanxenxo, O Cebreiro ou Ourense, entre outras.
A entrada é de balde e o horario de visitas é de 10 a 14 h e de 16 a 19 h de luns a domingo no Auditorio de Galicia, en Santiago. Tras pasar por esta cidade, a mostra poderá ser visitada na Coruña a partir de outubro.