Evento: Encontros monográficos co patrimonio cultural

Encontros monográficos co patrimonio cultural
venres, 19 febreiro, 2016 - 17:00
Consello da Cultura Galega,
Santiago de Compostela

Encontros monográficos co patrimonio cultural

Comprender o Camiño de Santiago na súa totalidade, onde importan tanto peregrinos como habitantes de Compostela

Comprender o Camiño de Santiago na súa totalidade, onde importan tanto peregrinos como habitantes de Compostela, é unha das orientacións do proxecto que o grupo de Estudos da Cultura Galabra presenta no marco dos “Encontros monográficos co Patrimonio Cultural”. Esta iniciativa da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega busca xerar debate e difusión entre a cidadanía, as administracións e os profesionais arredor de bens patrimoniais sobre os que se estean a desenvolver actuacións. 

A segunda sesión destes encontros pretende poñer o foco no Camiño de Santiago desde un punto de vista pouco frecuente: os visitantes e o seu impacto nos habitantes da cidade. Nesta cita expoñeranse os primeiros avances dun traballo que o grupo de investigación de Estudos da Cultura Galabra está a facer sobre a materia. Neste proxecto recóllense os discursos e as prácticas presentes en visitantes (exclusivamente galegos, españois, portugueses e brasileiros) e en habitantes e comerciantes de Compostela. 

O proxecto, que se presentará no marco desta sesión, estuda a consideración do Camiño como un ben pero tamén como un recurso cultural, patrimonial, identitario, social, político ou económico. O proxecto está agora en fase de financiamento para poder analizar o material recollido ata o presente.

Un grupo de investigación sobre a cultura
Entre os obxectivos do grupo de Investigación de Estudos da Cultura figuran a produción e transferencia de coñecemento sobre asuntos ligados ao funcionamento da literatura e da cultura (entendida como as formas en que as persoas ven, clasifican e interveñen no mundo), con especial atención ao caso das comunidades de lingua portuguesa. Para iso, segundo explican no seu web, “aplica procedementos metodolóxicos cuantitativos e cualitativos, traballo de campo e de corpus, sobre a base das teorías sistémicas, das teorías dos campos sociais, das teorías de análise de redes e das teorías empíricas, con desenvolvemento propio e adaptado ás diferentes realidades do ámbito de pescuda do grupo”.

Un foro de debate e reflexión
Os Encontros monográficos co Patrimonio Cultural son unha nova proposta da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega que pretenden poñer o foco sobre actuacións en marcha sobre bens do patrimonio galego. Faranse con carácter periódico e pretenden participar tanto na caracterización dos bens como na formulación dos tipos de protección deses bens.

Máis información

Máis eventos de tipo Xornada/Congreso

Curso de primavera no Museo de Belas Artes da Coruña
Os temas da arte: Heroes e heroínas da mitoloxía clásica
7 de abril a 26 de maio
Museo de Belas Artes
Xornada sobre a paisaxe no tempo no Castro de Viladonga
Relatos sobre a paisaxe no tempo
30 de abril
Museo do Castro de Viladonga
Toponimízate 2026
9 de maio
Escola do Campo de Combarro
Toponimízate 2026
15 de maio
Escolas Vellas