Evento: Romaría da Nosa Señora da Barca
Romaría da Nosa Señora da Barca
O santuario da Virxe de Nosa Señora da Barca é un dos lugares de peregrinación máis antigos de Galicia. Conta a lenda que a Virxe chegou aquí para dar ánimos ao Apóstolo Santiago no seu labor evanxelizador, nunha barca de pedra, cuxos restos se atopan entre as grandes moles graníticas que baña o mar xunto ao santuario. Unha delas é a Pedra dos Cadrís, que simboliza a barca, por debaixo da cal pasan nove veces os romeiros nun ritual ancestral para curar os males reumáticos; outra, a que simboliza a vela, é a Pedra de Abalar, unha mole que se balancea baixo os pés cun pouco de paciencia, aínda que a lenda di que só poden facela oscilar as persoas libres de pecado, e, a terceira, a Pedra do Temón, que simboliza o temón da barca. A todas elas atribúenselles propiedades curativas.
A romaría de Nosa Señora da Barca é unha das máis concorridas de Galicia e, como é habitual nelas, é un compendio de relixiosidade, ritos pagáns, comida campestre e troula.