Evento: Begoña Caamaño O transgredir das ondas
Begoña Caamaño O transgredir das ondas
Begoña Caamaño transgredir das ondas é unha peza de teatro que se estrea na Biblioteca de Galicia protagonizada por unha xornalista que recibe en herdanza un caderno dunha amiga íntima de Begoña Caamaño e que decide realizar a gravación dun podcast en directo para expoñer algunhas das facetas menos coñecidas da escritora.
A partir da relación entre as anotacións no diario e os diferentes momentos da vida profesional de Begoña, vaise reconstruíndo ante o público a traxectoria dunha creadora excepcional, implicada co feminismo e cos diversos movementos sociais nos que participou. Porén, durante a gravación deste podcast aparecerán diversos problemas técnicos que transformarán as ideas iniciais da xornalista e influirán de forma decisiva no seu relato, como se o propio espírito de Begoña quixese puntualizar algunhas das pasaxes narradas e, ao igual que as protagonistas das súas novelas, ser dona da súa historia.
Nesta peza conflúen o teatro documental, o teatro radiofónico e o xogo dramático baixo a forma de comedia de pantasmas, coa que reivindicar a condición de xornalista radiofónica de Begoña Caamaño e abordar temas fundamentais na súa obra como son a autosuficiencia e a igualdade entre homes e mulleres, a solidariedade e implicación cos problemas dos sectores sociais máis desfavorecidos ou a importancia da liberdade de expresión no xornalismo.
INTERPRETACIÓN: Rocío González
DIRECCIÓN: Chiqui Pereira
DRAMATURXIA: Paula Carballeira
Máis eventos de tipo Espectáculo



