Evento: Ofrenda do Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento
Ofrenda do Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento
En Lugo ten lugar unha das cerimonias máis lonxevas da tradición popular e relixiosa galega. A Catedral lucense ten o privilexio de ter exposto de forma permanente o Santísimo Sacramento (de aí o caliz e a ostia que aparecen no escudo da cidade) e dende fai máis de tres séculos a cidade réndelle homenaxe cun solemne acto institucional.
Cada ano, o domingo seguinte á festividade do Corpus, Lugo acolle a Ofrenda do Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, unha celebración eminentemente relixiosa na que participan os mandatarios das cidades do Antigo Reino de Galicia: A Coruña, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela, Mondoñedo, Betanzos e Tui. A celebración, recoñecida como Festa de Interese Turístico galego, consiste nunha ofrenda ao Santísimo e unha procesión polas rúas da cidade.
A Catedral de Lugo é o escenario da ofrenda ao Santísimo Sacramento, un acto que se ven celebrando dende 1669. As autoridades eclesiásticas e civís acompañan ao Santísimo Sacramento polas rúas de Lugo e a comitiva é ornada co lanzamento de pétalos de flores.
Máis eventos de tipo Festa/Feira popular

