Evento: Arte prerrománica en Ourense
Arte prerrománica en Ourense
O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense presenta na Casa de Galicia en Madrid unha mostra de arte prerrománica da actual provincia de Ourense. Unha iniciativa que permitirá, ata finais de xaneiro, achegarse a unha escolma de pezas singulares, arquitectónicas e decorativas, que amosan a riqueza artística que se produciu no noroeste peninsular desde o final do mundo romano ata o século XI.
A colección do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense abrangue todo un percorrido polas diferentes culturas e pobos que ocuparon o territorio da actual provincia de Ourense ao longo da súa historia. Dentro da variedade de fondos, unha das series máis significativas do museo é a da arte prerrománica, un conxunto diverso de manifestacións artísticas que se desenvolveron na Europa occidental dende a desintegración do Imperio romano ata o século XI. Neste período desenvólvese a arte visigoda, a arte asturiana e a de repoboación, ás que Galicia engade a arte sueva, inexistente no resto do territorio. Estes van ser os estilos característicos, nos que perduran elementos de tradición romana (en moitas ocasións reutilizados) que conviven con novas formulacións provenientes de influencias bizantinas, visigodas, islámicas ou por suposto as autóctonas. Riqueza de influencias que desvelan unha época non tan escura, sobre a que a arqueoloxía, especialmente a da arquitectura, achega hoxe luz e noutros casos abre novos debates para a historia da arte. É tamén nestes séculos cando Galicia modela os seus riscos esenciais. O tempo medieval legou a Galicia a dimensión territorial da Galicia actual, a formación da súa lingua románica e a experiencia histórica de comunidade política diferenciada.
A mostra pode visitarse na Casa de Galicia (Casado del Alisal, 8, Retiro, 28014 Madrid), en horario de luns a sábado: 10:00–14:00 h, 16:00–20:00 h; e domingo: 10:00–14:00 h.
A entrada é de balde.
CONTACTO:
Teléfono: 915 95 42 00
Web: casadegalicia.xunta.gal
Máis eventos de tipo Exposición



