Evento: Peza do mes: Cachimba de arxila
Peza do mes: Cachimba de arxila
A presentación pública terá lugar o mércores 10 de decembro ás 20:00 h, na sala de Exposicións "Escolma de escultura", con entrada libre.
Como cada mes, o Museo escolle algunha peza de entre os seus fondos (neste caso, dos arqueolóxicos) para ser tratada de xeito pormenorizado e darlle maior visibilidade, afondando no seu contexto e características, datas, filiacións, etc., e reforzar así o seu valor.
Este mes dáse recoñecemento a unha peza moi singular. Nos últimos anos desenvolveuse unha intervención arqueolóxica asociada ao proxecto de Restauración do Camiño Real no acceso á fortaleza de Monterrei. Nunha sondaxe do recinto medieval situada no denominado Camiño do Adarve foron localizados dous fragmentos de cana dunha cachimba de arxila, un deles decorado.
O estudo identifica este fragmento como parte dunha pipa holandesa do tipo “Xonás e a balea”, un motivo moi popular nos Países Baixos desde o século XVII. Presenta tamén marcas dun fabricante pouco documentado. A análise destes achados permite reconstruír parcialmente a decoración e a forma da peza, así como a súa posible datación entre finais do século XVII e inicios do XVIII.
A publicación virtual sobre esta peza está dispoñible nesta ligazón do Museo Arqueolóxico de Ourense, onde se pode afondar por unha banda sobre a súa morfoloxía e composición, xunto cunha descrición máis pormenorizada. Por outra banda contextualízase o uso das cachimbas e a expansión do uso do tabaco por Europa. O estudio está a cargo, neste caso, de Manuel Anxo López-Felpeto. Gómez.


