Evento: OS TRABALLOS DE HÉRCULES. COLECCIÓN DE GRAVADOS DOS FONDOS ACADÉMICOS
OS TRABALLOS DE HÉRCULES. COLECCIÓN DE GRAVADOS DOS FONDOS ACADÉMICOS
O xoves 4 de decembro ás 20:00 horas terá lugar no Museo Municipal Ramón María Aller (Rúa Ramón María Aller, 9. Lalín) a presentación da exposición “Os traballos de Hércules. Colección de gravados dos fondos académicos”. A mostra está comisariada por José Ramón Soraluce Blond e organizada pola Real Academia Galega de Belas Artes co patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración do Concello de Lalín. Esta mostra é un dos actos programados co gallo do 175 aniversario da fundación da academia.
A intención da celebración do 175 aniversario é a de trasladar a realidade da Academia a toda Galicia mediante, entre outros actos e actividades, esta exposición itinerante dunha selección da súa Colección de Gravados, a referida aos Traballos de Hércules. Pertencen a unha parte dos gravados orixinais sobre «Os Traballos de Hércules», copiados da serie de pinturas que o artista italiano Luca Giordano realizou para Carlos II no Casón del Buen Retiro de Madrid. Foron realizados pola Calcografía Nacional en Madrid (cara á 1790). O tema destes gravados trata sobre o encargo mitolóxico que se fixo a Hércules de doce aventuras, entre as que se atopa a que se desenvolveu en Galicia, do enfrontamento a matar co rei Xerión, para quitarlle o rabaño de bois que arrebatara aos campesiños da rexión. Hércules derrotou a Xerión na Coruña e sobre os seus restos construíu a Torre de Hércules.



