Evento: Peza do mes: Historia natural de Georges-Louis Leclerc
Peza do mes: Historia natural de Georges-Louis Leclerc
A presentación pública terá lugar o 12 de novembro ás 20:00 h, na sala de exposicións "Escolma de escultura", con entrada libre.
Como cada mes, o Museo escolle algunha peza de entre os seus fondos (neste caso, do fondo documental) para ser tratada de xeito pormenorizado e darlle maior visibilidade, afondando no seu contexto e características, datas, filiacións, etc., e reforzar así o seu valor.
Nesta ocasión dase difusión á Historia Natural de Georges-Louis Leclerc, conde de Buffon. Á metade do século XVIII, Buffon ocupou unha praza de Botánica en París e foi nomeado moi pronto director do Xardín do Rei e se lle encargou un catálogo das coleccións do gabinete do rei. Buffon emprendeu nese momento a publicación da Historia natural, xeral e particular..., cuxos tres primeiros tomos apareceron en 1749. A Historia natural contén ideas revolucionarias e radicais para o século XVIII. Considerou o home un animal máis e puxo de manifesto as similitudes entre este e os simios. Nos seus choques coa Igrexa, Buffon, hipocritamente, fixo unha retractación formal e seguiu imprimindo. A pesar de estar rodeado de polémica, chegará a ser a obra máis difundida do século XVIII, e superou as obras de Voltaire e Rousseau. Entre os fondos do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense encóntranse 21 tomos correspondentes a unha tradución ao castelán da grande obra de Buffon, que conservan os exlibris cos que se pode facer o seguimento dos seus propietarios.
A publicación virtual sobre esta obra está dispoñible nesta ligazón do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, onde se pode afondar sobre as súas características, cunha descrición máis pormenorizada, e as circunstancias que rodean ao autor e á época na que foi creada, nun estudio a cargo, neste caso, de Vicente Rodríguez Gracia.



