Evento: Percepción e incerteza

Percepción e incerteza
venres, 26 setembro, 2025 a domingo, 8 febreiro, 2026
Rúa de Ramón del Valle-Inclán, 5,
Santiago de Compostela

Percepción e incerteza

Vinte e seis anos despois do histórico ciclo do CGAC sobre ciencia, tecnoloxía e arte, a exposición /Percepción e incertidumbre/ retoma aquel diálogo necesario entre as humanidades e a investigación científica....

En 1999, o CGAC, baixo a dirección de Miguel Fernández-Cid e en colaboración coa Escola Internacional de Teoría nas Humanidades da USC —impulsada polo entón reitor Darío Villanueva—, organizou un ciclo de conferencias sobre ciencia, tecnoloxía e arte titulado The Special Plenary Series on Science , Technology and the Arts. Aquel simposio reuniu figuras destacadas de distintos ámbitos do coñecemento e da creación, como o poeta e premio nobel de química Roald Hoffmann, o novelista francés Michel Rio ou a artista serbia Marina Abramović. Segundo Margery Arent Safir, coordinadora do evento, o seu propósito era “ser un encontro especial de práctica e teoría, lóxica e estética, de feitos, imaxinación e expresión: unha exhaustiva gramática do coñecemento e da sensibilidade humana na ciencia e na arte”.
Vinte e seis anos despois, nun contexto no que urxe recuperar unha visión menos fragmentada e máis global da realidade, ese diálogo entre ciencia e humanidades resulta, se cabe, máis necesario. A arte, na súa transformación continua, sempre estivo ligada aos avances tecnolóxicos e ás novas ideas que estes impulsan. Pero na actualidade, debido á incidencia directa que os avances científicos e tecnolóxicos teñen na nosa vida cotiá, a relación da ciencia e a tecnoloxía cos campos da creación é máis estreita ca nunca. A tecnoloxía non só transformou as prácticas artísticas; tamén contribuíu a moldear e a enriquecer a nosa maneira de percibir e comprender o mundo, incorporando un principio positivo e dinámico: a incerteza, que opera ao mesmo tempo como límite e como resorte crítico.
Neste sentido, a computación cuántica abriu un novo escenario de intelixencia artificial, capaz de despexar incógnitas do saber, pero tamén de suscitar dilemas éticos sobre o seu uso.
Percepción e incerteza non é unha exposición de tese, senón unha experiencia inmersiva que, desde a imaxe e os seus límites, propón reformular a tensión entre a percepción e a incerteza. Para iso reúne as obras de tres artistas que traballan coa imaxe en movemento desde perspectivas moi distintas e con propostas experienciais diversas: Jaione Camborda desde o cinema, e Joan Fontcuberta e Max de Esteban desde a fotografía e o vídeo.
Cada unha das pezas seleccionadas aborda as ideas de percepción e incerteza desde un ángulo diferente. En Génesis.IA (Xénese.IA), Joan Fontcuberta explora a maxia da intelixencia artificial e o seu potencial como xeradora de experiencias visuais inéditas. Nas obras de Max de Esteban, reunidas nun díptico de ton distópico, advírtese sobre os riscos de manipular a ciencia ao servizo da bioeconomía e da infopolítica global. Finalmente, a instalación de Jaione Camborda introdúcenos, desde a empatía, no universo perceptivo dunha persoa xordocega e ofrécenos unha metáfora das infinitas posibilidades e contradicións do mundo cuántico.
 

Máis eventos de tipo Exposición

Mulleres artistas: aprendendo o oficio
11 de marzo a 31 de decembro
Lugar de la Ciudad de la Cultura
Somos un Ribeiro diverso
1 de abril a 31 de decembro
Museo Etnolóxico de Ribadavia
Boutique Amparo
27 de maio a 31 de maio
Praza do Toural 8