Evento: Peza do mes: Cerámicas cincentas finas pulidas. Campamento Aquae Querquennae
Peza do mes: Cerámicas cincentas finas pulidas. Campamento Aquae Querquennae
A presentación pública terá lugar o mércores 8 de outubro ás 20:00 h, na sala de Exposicións "Escolma de escultura", con entrada libre.
Como cada mes, o Museo escolle algunha peza de entre os seus fondos (neste caso, dos arqueolóxicos) para ser tratada de xeito pormenorizado e darlle maior visibilidade, afondando no seu contexto e características, datas, filiacións, etc., e reforzar así o seu valor.
Son moitas as pezas que foron recuperadas no contexto arqueolóxico do campamento militar romano de Aquae Querquennae -Porto Quintela (Bande, Ourense)-, un dos expoñentes máis importantes da arqueoloxía militar romana dentro da Península Ibérica.
Entre os numerosos achados destaca a cerámica cincenta fina, de produción altoimperial característica do noroeste peninsular, identificada por pastas depuradas con núcleo gris, superficies pulidas e decoración brunida. A peza presentada nesta ocasión foi recuperada durante a campaña de escavación arqueolóxica executada durante o ano 2010 dentro do recinto campamental. Trátase de varios anacos identificados como unha xerra de cerámica cincenta fina tipo 1 con forma de corpo globular, cunha decoración moi frecuente neste tipo de pezas e unhas dimensións de arredor dos 9 cm x 7,8 cm e pé de 4 cm de diámetro.
A publicación virtual sobre esta peza está dispoñible nesta ligazón do Museo Arqueolóxico de Ourense, onde se pode afondar sobre as súas características físicas, unha descrición máis pormenorizada, a reflexión sobre as súas filiacións e posibles procedencias, así como o contexto arqueolóxico no que se levou a cabo o achado, nun estudio a cargo, neste caso, de Santiago Ferrer Sierra.