Evento: Peza do mes: Cerámicas cincentas finas pulidas. Campamento Aquae Querquennae

  • Portada da publicación da Peza do Mes de outubro do Museo Arqueolóxico de Ourense.
Peza do mes: Cerámicas cincentas finas pulidas. Campamento Aquae Querquennae
mércores, 1 outubro, 2025 a venres, 31 outubro, 2025
Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense,
Ourense

Peza do mes: Cerámicas cincentas finas pulidas. Campamento Aquae Querquennae

Presentación e publicación virtual mensual para afondar no coñecemento de pezas pertencentes aos fondos do Museo

A presentación pública terá lugar o mércores 8 de outubro ás 20:00 h, na sala de Exposicións "Escolma de escultura", con entrada libre.

Como cada mes, o Museo escolle algunha peza de entre os seus fondos (neste caso, dos arqueolóxicos) para ser tratada de xeito pormenorizado e darlle maior visibilidade, afondando no seu contexto e características, datas, filiacións, etc., e reforzar así o seu valor.

Son moitas as pezas que foron recuperadas no contexto arqueolóxico do campamento militar romano de Aquae Querquennae -Porto Quintela (Bande, Ourense)-, un dos expoñentes máis importantes da arqueoloxía militar romana dentro da Península Ibérica.

Entre os numerosos achados destaca a cerámica cincenta fina, de produción altoimperial característica do noroeste peninsular, identificada por pastas depuradas con núcleo gris, superficies pulidas e decoración brunida. A peza presentada nesta ocasión foi recuperada durante a campaña de escavación arqueolóxica executada durante o ano 2010 dentro do recinto campamental. Trátase de varios anacos identificados como unha xerra de cerámica cincenta fina tipo 1 con forma de corpo globular, cunha decoración moi frecuente neste tipo de pezas e unhas dimensións de arredor dos 9 cm x 7,8 cm e pé de 4 cm de diámetro.

A publicación virtual sobre esta peza está dispoñible nesta ligazón do Museo Arqueolóxico de Ourense, onde se pode afondar sobre as súas características físicas, unha descrición máis pormenorizada, a reflexión sobre as súas filiacións e posibles procedencias, así como o contexto arqueolóxico no que se levou a cabo o achado, nun estudio a cargo, neste caso, de Santiago Ferrer Sierra.

Máis eventos de tipo Xornada/Congreso

Os temas da arte: renovación e modernidade
15 de outubro a 17 de decembro
Museo de Belas Artes
Programación de actividades no Museo Liste de Vigo para o outono
1 de outubro a 31 de decembro
Museo Liste Vigo
De nais a fillas. Receitas para non esquecer. Gastronomía en feminino
Presentación do libro "De nais a fillas. Receitas para non esquecer. Gastronomía en feminino", de Hércules de Ediciones
18 de novembro
Museo Provincial de Pontevedra (Edificio Castelao, Rúa Padre Amoedo Carballo, 3).
Presentación de Sentinelas no limiar das tebras
Sentinelas no limiar das tebras - Presentación en Pontevedra
27 de novembro
Librería Nobel - Pontevedra (Rúa Cobián Rofignac, 4)