Evento: Helen Keller, a muller marabilla?

Helen Keller, a muller marabilla?
xoves, 4 decembro, 2025 - 20:15
Edificio Multiusos,
Monforte de Lemos

Helen Keller, a muller marabilla?

Espectáculo teatral a cargo de Grupo Chévere

Todo comeza ao descubrir unha muller, totalmente descoñecida para nós, chamada Helen Keller. Nacida en Tuscumbia (Alabama), convértese nunha celebridade mundial ao ser a primeira persoa xordocega en obter un título universitario en 1904 en Harvard, despois dun duro proceso de aprendizaxe desde os sete anos. Polo menos esta é a parte da súa vida que fica na memoria colectiva, como un exemplo de superación da discapacidade. E polo que sabemos, a maioría dos seus escritos acaban rescatados como simples aforismos motivacionais. Pero ao investigar en varios arquivos dixitais norteamericanos imos descubrindo outras facetas desconcertantes da súa vida, que son sistematicamente ocultadas. E o máis sorpredente, nos últimos anos espállase polas redes sociais unha campaña que afirma que os logros de Helen Keller son falsos, incluíndo unha petición en charge.org para eliminala da historia.

Este negacionismo actual desencadea a curiosidade necesaria para abordar a súa historia e compartila co público. Por que se oculta parte da súa vida? A quen lle interesa facelo? Por que queren eliminala da historia? Porque é unha muller, xorda e cega? Porque non se acepta que unha das persoas máis famosas do século XX en EE.UU. sexa comunista? Porque unha muller con discapacidade non se pode converter nunha líder anticapitalista?

Son preguntas que tratan sobre a posibilidade da rebeldía e a disidencia na nosa sociedade. Sobre a posibilidade de ser considerada unha muller marabillosa e ao mesmo tempo poder vivir simplemente como unha muller independente e autónoma. Sobre a posibilidade de aceptar que sexa unha muller xorda quen rache os silencios sociais ou que sexa unha muller cega quen abra os ollos da sociedade diante da inxustiza que nos rodea. Alén diso resoa a posibilidade da utopía entendida como unha función da nosa memoria. Pode Helen Keller devolverlle os soños a Greta Thunberg?

Este tamén é un traballo que cuestiona a in-comunicación entre persoas oíntes e non oíntes, explorando as posibilidades de compartir unha conversa aberta no escenario, como unha silenciosa reivindicación da importancia das linguas minorizadas, do seu uso público e do seu encontro. Por iso integramos na mesma obra a lingua falada en galego e a lingua de signos. Porque queremos chegar a públicos que quedaron sempre fóra do noso teatro. Porque sabemos que colocar simplemente uns subtítulos non significa que a obra sexa accesible para persoas xordas. Porque queremos confrontar ao público oínte coa realidade das persoas xordas, a súa lingua, a súa cultura e a súa marxinación. Porque queremos xuntar na mesma sala e en igualdade de condicións a persoas oíntes e persoas xordas.

O resultado é unha obra construída coma se fose o titorial dun xogo. As actrices actúan como avatares doutras posibles xogadoras (o público), executando no escenario as instrucións e impulsos que se van dando a través duna serie de textos proxectados, que funcionan como unha voz narradora anónima que tamén interpela ao público. A nosa obra-titorial ofrece unha demostración en directo de como se pode xogar, dando como resultado unha das posibles obras que se poderían facer sobre Helen Keller.

Máis eventos do ciclo Rede galega de teatros e auditorios

Quen dixo medo!
30 de outubro, 18:30
Auditorio Reveriano Soutullo - Ponteareas - Pontevedra
Quen dixo medo!
31 de outubro, 19:00
Auditorio Baldomero Cores - Cee - A Coruña
Pitiminí: Concerto para bebés
31 de outubro, 19:00
Teatro Municipal - Tui - Pontevedra
Acender a noite
31 de outubro, 20:00
Teatro Lauro Olmo - O Barco de Valdeorras - Ourense