Evento: Salvaxe, salvaxe

Salvaxe, salvaxe
mércores, 14 maio, 2025 - 20:30
Filmoteca de Galicia,
A Coruña

Salvaxe, salvaxe

Emilio Fonseca Martín, 2024

«Cheiras iso?» A cámara entra nos montes de Galicia e do norte de Portugal entre murmurios. Para tecer os sinais que deixa a vida salvaxe hai que agudizar os sentidos. Estas imaxes afástanse da representación de pureza virxinal asociada ás paisaxes naturais do noroeste da Península Ibérica. Son conscientes do intenso modelado da acción humana. Ser unha criatura salvaxe aquí é ser salvaxe asediado. SALVAXE, SALVAXE rastrexa imaxes e ausencias do lobo ibérico xunto a un equipo de investigación universitario. Atravesa unha historia relacional cargada de mitoloxía popular, sometemento e exterminio e enfróntase a unha historia audiovisual feita de imaxes-simulacro do natural salvaxe.

Nun tempo de colapso e catástrofe ecolóxica, este ensaio fílmico interroga os lindes entre o doméstico e o indómito, entre o puro e o híbrido. A crise perceptiva xerada por esas dualidades dilúese no recoñecemento da fluidez dos ecosistemas: toda a materia que somos é e será doutras criaturas. SALVAXE, SALVAXE busca resignificar as imaxes da natureza e cuestionar a relación entre humanos e non humanos. Un exercicio fílmico que se achega ao silvestre sen suplantalo, co desexo de descubrir a súa existencia e sen necesidade de representalo, revelando tanto as imaxes de ausencia como as de encontros (con lobos). Un filme que non elude as implicacións de tomar rexistro do salvaxe, que habita a contradición e afina o instrumento cinematográfico, ético e político que produce imaxes para re-habitar o mundo.

SALVAXE, SALVAXE é un anti-documental de natureza: nel aparecen lobos que devolven a mirada á cámara aterrorizados e humanos que saben ouvear. Todas as criaturas deixamos rastros neste baile coidadoso de rastrexadores rastrexados.

Outras datas

Máis eventos de tipo Proxección audiovisual

Ciclo de cine no Museo de Belas Artes da Coruña
Museos de cine
2 de abril a 30 de abril
Museo de Belas Artes
Cuatreros
30 de abril
Filmoteca de Galicia
Terciopelo azul
30 de abril
Filmoteca de Galicia
Corazón salvaje
2 de maio
Filmoteca de Galicia