Evento: O voo da curuxa de Minerva

O voo da curuxa de Minerva
venres, 1 novembro, 2024 a sábado, 30 novembro, 2024
Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal,
Santiago de Compostela

O voo da curuxa de Minerva

Mostra bibliográfica

Dende 2002 a UNESCO vén celebrando o Día da Filosofía cada terceiro xoves de novembro, polo que neste 2024 terá lugar o día 21. Esta data está pensada para subliñar a relevancia da Filosofía no desenvolvemento humano como disciplina e mesmo como acto da vida cotiá que ten como obxectivo promover o pensamento crítico.

Na Biblioteca Ánxel Casal queremos achegar o noso grao de area a esta conmemoración cunha selección de obras pensadas para comezar a mergullarse na apaixonante aventura do pensamento humano. E conscientes da dificultade que entraña un campo vasto e descoñecido como é a Filosofía, propoñemos un espazo de encontro e diálogo coa súa irmá xemelga, a Literatura.

Por esa razón, elaboramos unha escolma de obras de autores diversos, que abrangue desde os inicios da Literatura moderna, no século XVII, ata a contemporaneidade. Diversidade que é patente na variedade de xéneros e subxéneros presentes, países, rexións, culturas e linguas de orixe para intentar entender o momento que estamos a vivir.

Pretendemos con esta mostra un recuncho de reflexión lonxe do asoballamento imposto polo tráfego moderno, un refuxio que mesture o poder das ideas filosóficas co xenuíno pracer da lectura. Porque o certo é que Filosofía e Literatura converxen no seu interese polas mesmas cuestións imperecedoiras: o temor (e mesmo a vertixe) ante a soidade, a resistencia triunfante ou a transixencia derrotada ás convencións sociais, a crítica ao poder político, a fragmentación da subxectividade e o eu, a esperanza dun mundo mellor… ou a admonición contra outro aínda peor.

Todo iso e moito máis xorde co “Voo da curuxa de Minerva”, que, como escribira Hegel fai dous séculos, comeza só no crepúsculo. E aínda así, o saber crepuscular é outra forma máis do saber.

Pode visitarse no 2º andar ao longo do mes de novembro no horario de apertura da biblioteca.

Máis eventos de tipo Exposición

Mandala (Arc en ciel)
18 de outubro a 7 de setembro
Rúa de Ramón del Valle-Inclán, 5
Do soño á apocalipse. Os vieiros da literatura fantástica en galego
31 de outubro a 18 de maio
Lugar de la Ciudad de la Cultura
Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo
27 de xaneiro a 31 de maio
Monte Gaiás, s/n