Evento: Actividades trimestrais no Museo Liste de Vigo

  • Programación primeiro trimestre Museo Liste Vigo
Actividades trimestrais no Museo Liste de Vigo
luns, 1 xaneiro, 2024 a domingo, 31 marzo, 2024
Museo Liste Vigo,
Vigo

Actividades trimestrais no Museo Liste de Vigo

Programación de actividades do primeiro trimestre de 2024

MUSEO LISTE - ETNOGRÁFICO DE VIGO

Programación de actividades do primeiro trimestre de 2024

EXPOSICIÓNS TEMPORAIS

- O NADAL NA TRADICIÓN

Beléns representativos de distintos artesanados mundiais con maioritaria presenza de pezas orixinarias do continente americano e de Portugal procedentes das coleccións doadas ao museo pola familia Barturen e por Xabier Maañón. A representatividade das pezas expostas transpórtannos a diferentes tradicións, iconografías e materiais.

Lugar: Sala de “A Madeira Escavada”

Datas: do 1 de decembro de 2023 ao 5 de xaneiro de 2024

- MÁSCARAS RITUAIS III

Máscaras e toucados dos Entroidos tradicionais galegos coa carauta do Vergalleiro de Sarreaus (Ourense) como protagonista, acompañada pola carauta do Cigarrón de Verín, a de Merdeiro de Vigo, a Pantalla de Xinzo, toucados de Madamas e Galáns, de Cobres e Meira entre outros exemplos.

Lugar: Sala de Exposicións Temporais.

Datas: do 30 de xaneiro ao 17 de febreiro

- QUERIDOS OBXECTOS: NOSTALXIA E SEDUCIÓN

Xorde dun proxecto participativo que acolle a dimensión simbólica dos obxectos adquiridos como testemuño de viaxes. Reducen un espazo e unha experiencia a unha icona, vencéllannos a un lugar ou experiencia e din tanto do lugar como de quen os adquire, construtores de experiencias, cheos de significados culturais co poder evocador do recordo.

Lugar: Sala de Exposicións Temporais.

Datas: a partir do 15 de marzo.

ENTRADA GRATUÍTA

AGÁS VISITAS GUIADAS

 

ACTIVIDADES CÍCLICAS

ENTROIDO 2024: VERGALLEIROS DE SARREAUS

Analizaremos a figura do Vergalleiro de Sarreaus, protagonista do Entroido tradicional deste pobo da provincia de Ourense.

Desenvolvemento:

- Parte teórica: orixe, evolución e liña temporal da festa do Entroido con especial atención ao proceso de recuperación da máscara e traxe de Vergalleiro.

- Parte expositiva: visita á mostra de máscaras e toucados tradicionais.

- Parte práctica: taller coa realización dalgún dos elementos propios da figura do Vergalleiro.

Lugar: Sala de Exposicións Temporais.

Datas: do 30 de xaneiro ao 17 de febreiro

Duración aproximada: 60 m.

Dirixido a: grupos de Infantil, Primaria e E.S.O. (de 3 a 16 anos).

1 € POR PARTICIPANTE

PARA GRUPOS

PREVIA SOLICITUDE

 

ACTIVIDADES ESPECIAIS

OS SONS DO TRABALLO

Mediante a escoita activa de diversos sons relacionados cos oficios acadamos o obxectivo de establecer relacións xeradoras de coñecemento que permiten a identificación de ferramentas, profesións e tarefas.

Desenvolvemento:

- Parte teórica: introdución con breve percorrido pola Sala dos Oficios.

- Parte práctica: recoñecemento de oficios e dos elementos que os definen protagonizados polos seus sons.

Duración aproximada: 60 m.

Dirixido a: grupos de Infantil e 1º Ciclo de Primaria (de 3 a 8 anos)

MARIANO MARCOS ABALO:

A VIDA DEBUXADA

Debuxante, autor do “Esconxuro da queimada”, colaborador do museo e coñecido polos seus agasallos de “mouchiños” pintados en pedra. Os seus debuxos recrean unha visión etnográfica presente nos contidos do museo.

Desenvolvemento:

- Parte expositiva: exhibición das series: “As árbores”, “Os espantallos” e “As nosas cousas”.

- Parte lúdica: recoñecemento de oficios, acertixos por medio de seriados, configuración de debuxos seguindo trazos.

- Parte manipulativa: creación dun “Mouchiño de Mariano”.

Duración aproximada: 60 m.

Dirixido a: grupos de Primaria (de 6 a 12 anos)

1 € POR PARTICIPANTE

PARA GRUPOS

PREVIA SOLICITUDE

ENIGMA

Partindo da grande curiosidade que espertan as linguaxes cifradas, alimentando un devezo por coñecer non sempre resolto, convidámosvos a mergullarvos no enigmático mundo dos códigos.

Desenvolvemento:

- Parte teórica: introdución audiovisual aos códigos e mensaxes cifradas.

- Parte lúdica: xincana con probas diversas nas que descifrar distintos códigos: morse, braille, alfabetos numéricos, código aeronáutico,...

Duración aproximada: 60 m.

Dirixido a: grupos de E.S.O (de 12 a 16 anos)

INTERNAL

A través da asignación de roles (agricultores, artesáns, menciñeiros), as distintas salas converteranse en misións nas que asimilar e integrar os contidos mediante a intervención, recreacións, contemplación silenciosa, mapas mentais, obxectos trampa; información trucada; creación de espazos inmersivos que evidenciarán a capacidade práctica do grupo.

Duración aproximada: 90 m.

Dirixido a: grupos a partir de 12 anos.

TODO ESTÁ NOS LIBROS

Mestura etnografía e literatura percorrendo salas, descubrindo pezas, revelando contidos nunha exploración imaxinativa, va-lorando o traballo en equipo e o quid pro quo na busca de solucións e no intercambio de pistas. A lóxica, a intelixencia, a dedución e as habilidades de negociación permitirán acadar os obxectivos nun percorrido alternativo ludificando a aprendizaxe.

Datas: a partir do 15 de marzo

Duración aproximada: 90 m.

Dirixido a: grupos a partir de 12 anos.

1 € POR PARTICIPANTE

PARA GRUPOS

PREVIA SOLICITUDE

 

CONVOCATORIAS DE CONCURSOS

XII CONCURSO INFANTIL DE RELATOS  

Promovido polo museo para celebrar o Día das Letras Galegas (17 de maio). Este ano a proposta temática é “Unha longa viaxe”.

Con ela convidamos aos participantes a construír un pequeno relato sobre unha viaxe migratoria en calquera momento histórico incluso aquelas cunha perspectiva futurista.

Agardamos que as súas narracións nos dean conta da súa imaxinación pero tamén da súa forma de percibir o mundo e que actúen como sementes reveladoras que inviten a reflexión.

XI CONCURSO FOTOGRÁFICO

Convocado co gallo do Día Internacional dos Museos (18 de maio). Baixo o lema “Herdeiros da tradición” os participantes deberán captar, ex profeso para o concurso, aqueles oficios que no seu devir, froito dos cambios tecnolóxicos e sociais, permitan unha análise a través da fotografía das súas escenas, ámbitos, equipos e ferramentas dando conta da tradición, da herdanza, da permanencia e, como non, da inevitable innovación.

AS BASES ÍNTEGRAS DESTAS CONVOCATORIAS SERÁN PUBLICADAS EN

https://museoliste.org/blog/

a partir do 1 de febreiro.

Máis eventos de tipo Outras actividades

Real Filharmonía de Galicia. Temporada 2023-24
23 de xuño a 31 de maio
Avenida do Burgo das Nacións
XV Premio Atlante de Gravado
9 de setembro a 31 de maio
Colección Visitable Fundación Museo de Artes
Club de lectura infantil
14 de outubro a 24 de xuño
Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés
XVI Premio Novela Europea "Casino de Santiago"
22 de decembro a 25 de abril
Biblioteca Pública de Ourense