Evento: Mes mundial do Alzheimer

Mes mundial do Alzheimer
luns, 18 setembro, 2023 a martes, 31 outubro, 2023
Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal,
Santiago de Compostela

Mes mundial do Alzheimer

Mostra bibliográfica

Proclamado pola Organización Mundial da Saúde, o 21 de setembro conmemórase o Día Mundial do Alzheimer, afección mental considerada un desafío crucial para a saúde pública no século XXI. Desde o ano 2012 a Federación Internacional do Alzheimer estendeu dita conmemoración a todo o mes, cumpríndose este ano o duodécimo aniversario do Mes Mundial do Alzheimer, enfermidade neurolóxica que, segundo datos da Sociedade Española de Neuroloxía, actualmente padecen unhas 800.000 persoas en España.

Co Mes Mundial do Alzheimer, preténdese levar a cabo unha campaña internacional para concienciar sobre a demencia e facer fronte ao estigma que acarrea. O tema central da campaña deste ano, “Nunca é demasiado pronto. Nunca é demasiado tarde”, está centrado nos factores de risco e no papel fundamental que desempeña a súa redución para evitar, retrasar ou mesmo previr estas patoloxías neurodexenerativas. Cada ano, as asociacións de Alzheimer e de demencia, así como todas as persoas que participan no tratamento, a atención e o apoio aos pacientes, unen as súas forzas en todo o mundo para organizar actos de concienciación e información, co propósito de promover unha mellor comprensión da enfermidade que sirva para reducir o impacto da demencia nas persoas, as familias e a sociedade no seu conxunto.

A Biblioteca Ánxel Casal quere participar nesta conmemoración presentado unha selección de libros de narrativa, cómics, libros informativos e películas sobre o Alzheimer que atoparedes para a súa consulta e préstamo no segundo andar. A mostra pode visitarse durante o horario de apertura da biblioteca.

Máis eventos de tipo Exposición

Mandala (Arc en ciel)
18 de outubro a 7 de setembro
Rúa de Ramón del Valle-Inclán, 5
Mulleres artistas: aprendendo o oficio
11 de marzo a 31 de decembro
Lugar de la Ciudad de la Cultura
Somos un Ribeiro diverso
1 de abril a 31 de decembro
Museo Etnolóxico de Ribadavia