Evento: TECEDEIRAS: FUNCIONALIDADE E CREATIVIDADE. FÍOS DE VIDA

  • Tecedeiras
  • Tecedeiras
  • Tecedeiras
TECEDEIRAS: FUNCIONALIDADE E CREATIVIDADE. FÍOS DE VIDA
luns, 10 xullo, 2023 a sábado, 30 setembro, 2023
Museo Etnolóxico de Ribadavia,
Ribadavia

TECEDEIRAS: FUNCIONALIDADE E CREATIVIDADE. FÍOS DE VIDA

Colección Manuel Rodríguez Calviño

A colección de Manuel Rodríguez Calviño é o resultado de case trinta anos de investigación sobre a produción téxtil en Galicia. A día de hoxe, a colección está formada por máis de cento setenta pezas de tecido popular galego, entre as que destacan os máis de cento dez cobertores e alfombras. Trátase posiblemente dunha das maiores coleccións privadas en Galicia, na que están presentes obras de toda a xeografía e están representadas a práctica totalidade das técnicas, tecidos e materiais empregados polas nosas tecedeiras ata ben andada a metade do século XX.

A mostra “TECEDEIRAS: FUNCIONALIDADE E CREATIVIDADE. FÍOS DE VIDA” xira arredor do traballo das tecedeiras a través das pezas máis senlleiras da súa produción: os cobertores.

Os cobertores son sen dúbida as pezas máis senlleiras da produción das tecedeiras. Tras deles hai centos de horas de traballo, un dominio prodixioso de complicadas técnicas e unha gran capacidade creativa. Trátase de obras de gran valor estético, verdadeiras obras de arte, obras senlleiras da nosa arte contemporánea e patrimonio cultural. Foron creadas por mulleres que dominaban técnicas e combinacións numéricas e que  nunca accederon a unha mínima formación académica. Así e todo o seu traballo foi en xeral mal valorado e pouco reivindicado, por tratarse de traballo feminino, realizado no ámbito doméstico e de uso cotiá. O traballo no tear era habitual entre mulleres orfas, solteiras ou con fillos fóra do matrimonio, como complemento ao resto dos traballos do fogar, do campo e do mar xa que supuña ingresos extra para a casa. Así e todo moitas mulleres deixaban de tecer cando se casaban.

Entre todas as técnicas destaca o gurullo ou levantado, que permitiu ás tecedeiras desenvolver a súa gran capacidade creativa e artística, empregando motivos de gran variedade formal e tipolóxica. As tecedeiras dispuñan dun amplo repertorio de motivos, moitos deles copiados de cobertores máis antigos, pero tamén sacados dos folletos e albumes de bordados ou de creación propia.

Nunha primeira ollada, e independentemente dos materiais, motivos ou técnica empregada, a maior parte dos cobertores destaca polas cores intensas e rechamantes, mesturadas en combinacións que nalgúns casos nos semellan case imposibles e moi actuais. Non cabe dúbida que se trata dos elementos da arte popular galega nos que a cor ten máis importancia. Son un berro de alegría e luminosidade plasmado polas tecedeiras nas súas obras.

Máis eventos de tipo Exposición

Mandala (Arc en ciel)
18 de outubro a 7 de setembro
Rúa de Ramón del Valle-Inclán, 5
Mulleres artistas: aprendendo o oficio
11 de marzo a 31 de decembro
Lugar de la Ciudad de la Cultura
Somos un Ribeiro diverso
1 de abril a 31 de decembro
Museo Etnolóxico de Ribadavia