Evento: Javier Peña e outros grandes infelices
Javier Peña e outros grandes infelices
Imaxinade unha novela con esta trama: a finais dos anos noventa, un rapaz coruñés chamado Javier Peña (1979) múdase a Santiago de Compostela para estudar xornalismo co soño de converterse algún día en escritor. Tras licenciarse, pasa primeiro nove anos traballando como xornalista deportivo no diario AS e logo outros nove como asesor en distintos gabinetes da Xunta dedicándose a escribir discursos. Nese tempo, baixo unha crise existencial produto da alienación que sentía ao xuntaren palabras para outra persoa, foi cando naceu a súa primeira novela. En 2019 publica Infelices (Blackie Books), e a partir de aí comeza unha carreira como escritor profesional, con voz propia. A súa segunda novela, Agnes, viu a luz no 2021.
A súa actividade como escritor non se limita á publicación de libros. Javier Peña imparte obradoiros de escritura creativa e forma parte da residencia literaria da Cidade da Cultura formando a novos talentos da literatura. Ademais, presenta e dirixe o podcast literario Grandes Infelices, centrado en analizar figuras da literatura universal cuxas vidas e obras están marcadas pola desdita.
Xa que logo, esta mostra xira en torno ás obras deses grandes infelices da literatura que Javier Peña aborda a través dos dez capítulos que ten o seu podcast. Estes autores e autoras son: Kurt Vonnegut, Patricia Highsmith, John Kennedy Toole, Harper Lee, Georges Perec, Juan Rulfo, Clarice Lispector, Mijaíl Bulgakov, Shirley Jackson e Stefan Zweig. Ás veces os escritores e as escritoras teñen vidas de novela, e non sempre das felices.
Pode visitarse no 2º andar durante todo o mes de abril e maio no horario de apertura da biblioteca.