Evento: MIES É+ TALLERES EXPERIMENTAIS DE ARQUITECTURA CONTEMPORÁNEA 2023
MIES É+ TALLERES EXPERIMENTAIS DE ARQUITECTURA CONTEMPORÁNEA 2023
MIES É+ TALLERES EXPERIMENTAIS DE ARQUITECTURA CONTEMPORÁNEA 2023
29 xaneiro 2023 - 09 maio 2023
11:00-13:00 h
Coordinación: Virginia Villar
Dirección: Fermín Blanco
O CGAC presenta a oitava edición deste ciclo de talleres dedicado á arquitectura contemporánea e dirixido ao público infantil.
Os talleres desenvólvense baixo a dirección do arquitecto e educador Fermín Blanco co apoio do equipo didáctico do Sistema Lupo. O seu obxectivo é proporcionarlles aos nenos e ás nenas as ferramentas e as claves necesarias para interpretar a arquitectura do noso tempo a través das teorías, os proxectos e os traballos dos arquitectos e arquitectas máis importantes dos últimos tempos.
O Sistema Lupo aposta por unha didáctica activa, experimental, mestura de teoría e práctica, onde o xogo é o verdadeiro aglutinante dunha dinámica creativa de carácter cooperativo.
Os temas serán tratados transversalmente empregando a arquitectura como fío condutor. Valerémonos da figura de diversos autores para introducirnos en mundos creativos a través do seu pensamento.
O proxecto educativo baséase tanto na xeración de didácticas como no deseño de recursos a partir de todo tipo de materiais (madeiras, membranas, goma escuma, arxilas, combinados sintéticos etc.) e exploracións no mundo inmaterial que permiten múltiples posibilidades combinatorias, formas, proporcións, xogos de equilibrio e estratexias de acción. A dinámica proposta fomenta a reflexión e a creatividade individual, así como o traballo en equipo a través do xogo e a construción a grande escala.
Nesta edición profundaremos novamente no pensamento dos grandes pioneiros da arquitectura co habitual acento nas mulleres que desenvolveron o seu traballo neste eido.
Comezaremos por Herman Hertzberger e a súa arquitectura escolar e, a partir do seu traballo, pensaremos e proxectaremos estes espazos —tan familiares para os nosos participantes— en clave lúdica e pedagóxica. Imbuídos neste espírito, sairemos ao espazo público da man de Aldo van Eyck, e de aí ao territorio e á paisaxe do tándem formado por Gertrude Jekyll e Edwin Lutyens. Pecharemos o ciclo coas figuras de Matilde Ucelay e Agnes Denes, en cuxas sesións poremos en práctica o carácter experimental do espazo e do territorio.
Programa:
XANEIRO. Herman Hertzberger. Arquitectura e escola
Sábado, 28 de xaneiro. Para nenas e nenos de 6 a 8 anos
Domingo, 29 de xaneiro. Para nenas e nenos de 9 a 11 anos
Prazas: 12 / Prazo de inscrición: Do 16 ao 26 de xaneiro ás 13:00 h
FEBREIRO. Aldo van Eyck. Xogar o espazo público
Sábado, 25 de febreiro. Para nenas e nenos de 6 a 8 anos
Domingo, 26 de febreiro. Para nenas e nenos de 9 a 11 anos
Prazas: 12 / Prazo de inscrición: Do 13 ao 23 de febreiro ás 13:00 h
MARZO. Getrude Jekyll e Edwin Lutyens. Xardinería e paisaxe
Sábado, 25 de marzo. Para nenas e nenos de 6 a 8 anos
Domingo, 26 marzo. Para nenas e nenos de 9 a 11 anos
Prazas: 12 / Prazo de inscrición: Do 13 ao 23 de marzo ás 13:00 h
ABRIL. Matilde Ucelay. Pioneiras
Sábado, 22 de abril. Para nenos e nenas de 6 a 8 anos
Domingo, 23 de abril. Para nenos e nenas de 9 a 11 anos
Prazas: 12 / Prazo de inscrición: Do 10 ao 20 de abril ás 13:00 h
MAIO. Agnes Denes. Ecoactivismo
Sábado, 13 de maio. Para nenos e nenas de 6 a 8 anos
Domingo, 14 de maio. Para nenos e nenas de 9 a 11 anos
Prazas: 12 / Prazo de inscrición: Do 3 ao 11 de maio ás 13:00 h
Imparten: Denís Gándara
Inscrición: Todos os talleres son de balde. As persoas interesadas poderán inscribirse, dentro dos prazos establecidos, a través do correo electrónico cgac.educacion@xunta.gal indicando os seguintes datos: nome completo e idade dos participantes, número de teléfono e enderezo electrónico de contacto, e nome do taller ao que desexan asistir. Poderase inscribir un máximo de dous participantes mediante cada solicitude. As prazas cubriranse por orde de inscrición. As persoas solicitantes recibirán unha notificación por correo electrónico.