Patrimonio: OS GRANDES PROTAGONISTAS DA ARQUEOLOXÍA GALEGA

OS GRANDES PROTAGONISTAS DA ARQUEOLOXÍA GALEGA

A mostra Na procura do pasado aborda a historia da arqueoloxía ourensá

Mámoas, petróglifos, castros, restos romanos… visitar este tipo de construcións (e entender que é cada unha delas) é hoxe algo habitual para calquera galego. Pero se isto é posible foi grazas ao labor de figuras como Marcelo Macías, Florentino Cuevillas, Manuel Chamoso Lamas ou Xesús Ferro Couselo, arqueólogos que lograron reconstruír a historia ourensá máis remota, máis alá de lendas románticas de pouco rigor histórico.

Ler máis

'Na procura do pasado' é unha mostra que aborda, precisamente, a historia da arqueoloxía na provincia de Ourense, desde a creación da Comisión de Monumentos Históricos e Artísticos, en pleno século XIX, que promoveu intervencións en diferentes xacementos e a posta en marcha do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, ata a década dos 70. Unha iniciativa do propio Museo, que xa se puido visitar en Ourense e Santiago, e que agora está a exhibirse no Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro.

A exposición mostra as fotos e historias destes pioneiros da arqueoloxía ourensá e galega, e tamén pezas arqueolóxicas clave da historia do noso país, como as puntas de frecha de Monte Albán (3.000 -2.000 a. C.) o guerreiro de Armeá (s. I d. C.), o sedente de Xinzo (s. I d. C.), ou o mosaico da Cigarrosa (s. III d. C.),.

Comparte